Escoitar

Vigo será sede permanente da Mesa da Ciencia Pesqueira

O alcalde saudou con entusiasmo o anuncio da ministra de Ciencia, Diana Morant, que trasladou aos medios de comunicación esta iniciativa que cualificou de “pioneira na transferencia do coñecemento entre o sector científico e a pesca”.

luns, 23 mai 2022

Abel Caballero manifestou o seu entusiasmo con anuncio da ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, que informou que Vigo será sede permanente da Mesa da Ciencia Pesqueira. A responsable de Ciencia do Goberno de España explicou que trátase dunha experiencia pioneira para a transferencia do coñecemento entre o sector científico e o sector da pesca: “Será a cume da ciencia e da pesca. Non hai mellor lugar que Vigo”. Segundo deu a coñecer, a primeira xuntanza será no mes de outubro e estará encabezada por ela mesma e o ministro de Agricultura, Luis Planas: “Será unha cita a nivel nacional, con responsables das CCAA, administracións locais, la Administración Xeral do Estado, a comunidade científica e a sociedade, para dialogar e por en valor o coñecemento e a ciencia a disposición do sector pesqueiro”, explicou ante os medios de comunicación.

O alcalde deu a benvida á ministra e a iniciativa: “Estou entusiasmado. As miñas exixencias son moi altas e o que acabamos de escoitar satisfai os meus plantexamentos”. Para Caballero “Vigo é unha cidade que vive da pesca, do mar, da investigación oceanográfica, da investigación científica no núcleo da súa esencia”.

Novo buque para o IEO

Durante a súa viaxe a Vigo, a ministra tamén visitou o estaleiro Armón. Este é o encargado de construír o novo barco do IEO, buque insignia da frota científica española, que levará o nome de Odón de Buen e supoñerá un investimento de 85 millóns de euros, un 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O barco, de 84,3 metros de eslora e 17,8 metros de manga, espérase que estea terminado en menos de tres anos e estará dotado con tecnoloxía de vangarda para estudar os ecosistemas, hábitats e fondos mariños en todos os océanos do mundo, incluídas as zonas polares, e en profundidades superiores aos 6000 metros.

O proxecto conta cos sistemas máis avanzados para respectar o medio ambiente mediante ferramentas para evitar derrames de combustible, para controlar as emisións de gases á atmosfera ou para usar gas como combustible. Así mesmo, está especialmente deseñado para ser silencioso, un aspecto fundamental tanto para observar o océano producindo o mínimo impacto e alteración aos organismos mariños como para o traballo con ecosondas científicas. Ademais, terá capacidade para albergar a 58 pasaxeiros e a súa autonomía será duns 50 días de navegación.

A ministra lembrou que sete dos dez barcos que conforman a frota científica española teñen a súa sede en Vigo e puxo en valor como a ciencia fixo que a industria naval sexa referente mundial na fabricación de buques oceanográficos.

Descargar todas as imaxes