Escoitar

O Concello abre unha nova fase da mellora de García Barbón, na que se leva investido 6,7 millóns

Abel Caballero inaugurou este venres a humanización realizada na Avenida, no tramo desde a rotonda con Rosalía de Castro ata a de Isaac Peral, cun orzamento de 2,1 millóns. O goberno de Vigo ampliou as beirarrúas, plantou setenta novas árbores, instalou novo mobiliario urbano e cambiou as canalizacións de saneamento, pluviais, abastecemento e rego.

venres, 28 xan 2022
Abel Caballero, no centro, xunto a Javier Pardo e Nuria Rodríguez.
Abel Caballero, no centro, xunto a Javier Pardo e Nuria Rodríguez.

O alcalde desprazouse na mañá deste venres á Avenida García Barbón xunto ao tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e a edil de Medioambiente, Nuria Rodríguez. Alí, tapada coa bandeira de Vigo, Caballero destapou a placa conmemorativa e deu por inaugurada unha nova fase da humanización da vía. Co novo tramo, o comprendido entre as rotondas de intersección con Rosalía de Castro e Isaac Peral, o investimento na remodelación de García Barbón suma xa 6,7 millóns de euros. “É unha humanización colosal”, valorou Caballero.

O orzamento desta última ascendeu a 2,1 millóns de euros. O alcalde explicou que a reforma supuxo a ampliación das beirarrúas, que agora son de granito, novo arborado e xardineiras, novo mobiliario urbano, iluminación LED e a renovación das redes soterradas de servizos: saneamento, abastecemento, pluviais e rego.

“O estado das canalizacións de abastecemento de auga potable era indescritible. É o Vigo que herdamos, é o Vigo que estamos a cambiar, porque o máis importante non é a superficie, co bonita e o agradable que é, senón que estamos a facer unha cidade sostible. O caro é o que está debaixo”, aseverou o alcalde.

A obra incluíu tamén a reforma da parte baixa das escaleiras da rúa Callao e contempla ademais “unha acción na zona verde do parque de María Xosé Queizán”, explicou o rexedor, que está “a punto de concluír” coa próxima instalación dunha pérgola.

Por último, en declaracións posteriores á visita, Abel Caballero referiuse á glorieta de Isaac Peral e ao busto de José García Barbón que a preside: “A escultura que hai alí non é desa zona e imos trasladala ao seu emprazamento orixinal, que é a confluencia de García Barbón con Alfonso XIII”.

O goberno de Vigo incluíra o seu traslado nun proxecto previo de humanización, que tivo que modificar ante a negativa de Patrimonio Histórico. “Unha vez máis, a xente de Patrimonio da Xunta volve errar, volve amosar unha manifesta incapacidade, se non é algo peor o que están amosando”, censurou Caballero: “Propuxemos cambiar o conxunto escultórico para traelo á súa localización inicial e estes señores da Xunta, que non se decatan, non queren que volva ao seu sitio inicial. Ignoro que capacidade profesional teñen, pero a poño en dúbida e moi seriamente, ademais”.

Abel Caballero, no centro, xunto a Javier Pardo e Nuria Rodríguez.
Descargar todas as imaxes