O Concello solicita á Xunta a xestión do Plan Estatal de Vivenda
Os grupos Socialista e Mixto votaron a favor de instar á Xunta á transferencia do Plan Estatal de Vivenda ao Concello “coa transferencia de fondos axeitada para tal fin – para evitar a que queden sen executar os fondos de vivenda para os colectivos máis vulnerables. Os socialistas piden á Xunta bonificar as peaxes na autoestrada que une Vigo e Baiona.
A moción do Grupo Socialista contou co apoio do Grupo Mixto. O edil non adscrito abstívose e o Partido Popular votou en contra. Deste xeito, acórdase instar á Xunta de Galicia a que transfira a xestión do Plan Estatal de Vivenda, no ámbito do termo municipal, ao Concello de Vigo, coa transferencia de fondos axeitada para tal fin, de modo que non queden sen executar os ditos fondos para o acceso á vivenda para os colectivos máis vulnerables. Outro dos puntos aprobados foi instar á Xunta a dar conta da non execución do máis do 60% do orzamento destinado ao acceso á vivenda por parte do Goberno galego e ofrecer explicacións “do fracaso de execución” do Plan Estatal de Vivenda anterior.
A edil de Benestar Social explicou que están a chegar do Goberno de España no ano 2022 345 millóns de euros a políticas de vivenda, dentro do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, ademais dos 200 millóns para o Bono Alugueiro para mozas e mozos que poderá beneficiar a 70.000 persoas menores de 35 anos.
Yolanda Aguiar expuxo no Pleno que na cidade hai máis de 5.500 familias demandantes de vivenda protexida, “o Concello no que máis demanda de vivenda existe en toda Galicia”, subliñou. “O Concello ten previsto no novo documento de ordenación urbanística a creación dun parque de vivenda pública protexida de titularidade municipal, impulsando a promoción pública de forma directa”, engadiu.
A petición, segundo explicou, vén dada “polo endurecemento dos requisitos de acceso por parte da Xunta ás axudas do Plan Estatal de Vivenda, o que supón un fracaso absoluto xa que 8/10 solicitudes que tramita a Xunta son rexeitadas”.
Bonificación das peaxes na AG-57
O Grupo Socialista aprobou en solitario manter as tarifas na autoestrada que conecta Vigo con Baiona e que bonifique as peaxes nos mesmos termos que fixo o Estado coa peaxe de Redondela.
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, lamentou no Pleno a suba de 5 céntimos nesta vía “en contraste coas medidas de eliminación de peaxes establecidas polo Goberno de España”.
Os socialistas sinalan que a situación debe ser corrixida pola Xunta “posto que supón unha penalización a un territorio que agrupa a medio millón de habitantes, que constitúe unha das zonas con maior número de empresas implantadas e con polígonos industriais de referencia, ademais dun importante polo turístico.”