O goberno de Vigo adxudica a nova Praza Elíptica, máis peonil e sustentable
Celebrada estes xoves, a Xunta de Goberno Local adxudicou as obras de humanización da Praza Francisco Fernández del Riego, que contan cun orzamento de 2,3 millóns de euros e doce meses de prazo de execución. O alcalde salientou que se ampliará o espazo peonil nun 30% con respecto ao actual e se instalarán pérgolas cun centenar de paneis solares.
A intención do goberno que preside Abel Caballero é converter a Praza Elíptica, polo seu “emprazamento estratéxico”, nun nexo de unión entre o monte do Castro, a rúa Venezuela e o eixo conformado pola Praza de España e a Gran Vía. Para conseguilo, o Concello debuxou unha praza accesible e semipeonil, que sumará un 30% de espazo máis para os peóns e contará con dúas pérgolas que darán cabida a áreas de descanso con zonas verdes.
Sinalou Caballero que as pérgolas sosterán un centenar de paneis solares para dotar de enerxía ás instalacións proxectadas e á iluminación do entorno. Os traballos contemplan o establecemento de novo mobiliario urbano e a renovación dos pavimentos, xunto ao cambio das redes soterradas de saneamento e abastecemento de auga, luz, electricidade, comunicacións e gas.
Subvencións
Na mesma sesión, o goberno de Vigo acordou conceder 375.000 euros a corenta asociacións da cidade, segundo informou Abel Caballero en rolda de prensa. O Concello resolve así a convocatoria por concorrencia competitiva lanzada para fomentar o asociacionismo e a participación cidadá en Vigo.
Con estas axudas, Vigo coopera con entidades veciñais, deportivas ou culturais, entre outras, para costear os seus gastos de mantemento, as compras de equipamento, a adquisición de inmobles ou as obras que teñan que acometer.