O Goberno Local presenta 14 actuacións ao MITMA na convocatoria de Fondos Europeos
No proxecto I inclúense actuacións como as ramplas da Gran Vía desde Venezuela a Nicaragua, o ascensor HALO, a rehabilitación do paseo de Bouzas e a Fase II da Vía Verde polos que o Concello solicita 13.350.000 euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O alcalde presentou en rolda de prensa os proxectos enviados ao ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na convocatoria de Fondos Europeos enmarcados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
En total son 14 actuacións, segundo explicou o rexedor, enmarcados en dous proxectos cun importe total de 22.190.000 euros. No Bloque I presentouse solicitude de fondos para as ramplas de Gran Vía entre as rúas Venezuela e Nicaragua – 3.145.000 –, o ascensor HALO – 5.990.000 –, a rehabilitación do Paseo de Bouzas – 2.355.000 – e a Fase II da Vía Verde – 1.860.000 – e solicitáronse en total 13.350.000 euros. Abel Caballero sinalou que “este é o obxectivo central”.
O rexedor tamén sinalou 10 actuacións máis no Bloque II para o que se solicitan 8.840.000 euros. As obras, que a orden identifica como aptas para recibir fondos europeos, son a humanización de García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral, o ascensor da Praza da Estación con Urzáiz, as escaleiras mecánicas da rúa Talude, accesibilidade mecánica ao Centro de Saúde de Teis, o ascensor desde Travesía de Vigo 160 a Aragón 209, accesibilidade mecánica entre Romil e Hispanidade, ramplas na rúa Escultor Gregorio Fernández, a humanización a rúa Romil na Fase I, un acceso mecánico desde Ramón Nieto ao Colexio Losada e outro máis desde Ramón Nieto ao Colexio Fonte Escura e o Centro de Saúde de Lavadores.
Abel Caballero asegurou que todos estes proxectos faranse de forma inmediata “con axuda europea ou non” e subliñou que “Vigo está nun momento de cambio como ningunha cidade tivo nunca”.