O goberno de Vigo converterá o parque central de Santa Cristina nun polígono de vivenda protexida
Será desenvolto directamente polo Concello, segundo informou este venres o alcalde, quen indicou que a nave municipal será trasladada ao entorno de Severino Cobas, nos terreos da antiga Afansa. “O Plan Xeral ratifica o compromiso do goberno de Vigo coa vivenda protexida”, asegurou Caballero.
“Imos entrar directamente na promoción de parques públicos de vivenda protexida”, continuou o alcalde, quen desprazouse este mesmo venres ata o parque central de servizos para “telo todo moi maduro e moi preparado para inicialo de forma rápida e o antes posible”. Na promoción de vivenda a prezo taxado, “entramos desde o Concello directamente e xa de forma concreta e con compromiso concreto”, neste caso en Santa Cristina de Lavadores, mais sen descartar outras zonas, tal e como advertiu Caballero.
O Plan Xeral, que avanza na súa tramitación administrativa para ser aprobado inicialmente polo Pleno a finais de mes, impón en todos os ámbitos de desenvolvemento que un 30% da vivenda teña algún tipo de protección, segundo afirmou o alcalde, cando o requisito legal é o 18,8%. Ademais, Caballero engadiu que, en cinco ámbitos de novo desenvolvemento de solo residencial, a porcentaxe será de entre o 90 e o 100% do total. O número total de pisos a prezo taxado será de 14.500 e triplica a demanda actual de inscritos no rexistro autonómico.
O alcalde, tamén presidente do Pleno da Zona Franca, asegurou que a esta orientación municipal tamén vaise unir o Consorcio estatal, que cambiará a súa estratexia e “vai comprometer o seu impulso a vivenda protexida”.