Escoitar

A Vigo Cup 2021 contará con 2.900 participantes de 185 equipos de fútbol

O Concello recupera este ano a Vigo Cup nunha edición que contará con 2.900 particpiantes de 185 equipos diferentes. O torneo de fútbol sala comezará o próximo luns 28 de xuño, mentres os de fútbol 7 e fútbol 11 arrancará o 5 de xullo.

mércores, 23 xuñ 2021

O alcalde presentou esta mañá no campo de Navia a Vigo Cup 2021, o único evento deportivo que reúne nun torneo as modalidades deportivas de fútbol sala, fútbol 7 e fútbol 11. Con 2.900 participantes -procedentes de 185 equipos e 38 clubs diferentes -o torneo de fútbol sala – que se incorporou a este evento en 2017 - comezará o luns 28 de xuño e rematará o domingo 4 de xullo; mentres que as competicións de fútbol 7 e fútbol 11, desenvolveranse entre o luns 5 de xullo e o domingo 11.

Tal e como explicou o alcalde, por primeira vez a inscrición é gratuíta, atendendo á situación económica dos clubs desde o inicio da pandemia. Todos os participantes recibirán unha medalla conmemorativa e o sistema de competición, cunha liguiña clasificatoria inicial e cadro de eliminatorias a partido único na fase final, asegura que todos os equipos poidan disputar varios partidos.

A Vigo Cup contará con 150 equipos de fútbol 11 y fútbol 7, de 26 clubs; 35 equipos de fútbol sala de 14 clubs; 2 clubs (Pereiró e Rápido de Bouzas) compiten en ambas modalidades. Aínda que maioritariamente son equipos de Vigo, tamén participarán clubs d de Redondela, Salceda de Caselas, Tui, Mos ou Narón (A Coruña).

As categorías do torneo serán as seguintes: fútbol 11 (sub 14 mixta e sub 16 masculina); fútbol 7 (sub 7, sub 8, sub 10 e sub 12 (todas mixtas; e, por último, fútbol sala (sub 6, sub 8, sub 10 e sub 12 (mixtas), ademais de sub 14 (masculina).

Os terros de xogo para fútbol 7 e fútbol 11 serán os mellores campos municipais, entre os que se atopan As Travesas, Samil, Navia e o Vao. Respecto ao fútbol sala, os partidos serán no complexo das Travesas, nos polideportivos de Navia, Lavadores, Coia e Balaídos.

Na súa intervención, Caballero agradeceu o apoio da Real Federación Galega de Fútbol así como as achegas de todas as empresas privadas colaboradoras: Gadis, New Balance, Grupo Recalvi, Frutas Nieves, Vitrasa-Avanza, Coca-Cola, Naviera Mar de Ons, Viaxes Zonda, CdeC, Hyupersa, Faro de Vigo e Altia.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes