O alcalde louva a “coherencia e creatividade” da proposta urbanística para a Praza da Igrexa
O estudo de arquitectura vigués Liqe, vencedor do concurso de proxectos convocado polo Concello para refacer a fachada oposta á Colexiata, recibiu este mércores o primeiro premio de mans do alcalde. Caballero eloxiou o deseño do equipo pilotado por Javier Couto, que terá catro meses para elaborar o proxecto básico.
A entrega de premios marca o inicio do prazo de catro meses que ten o estudo gañador para elaborar o proxecto, coa base da proposta presentada para a rehabilitación dos números 6, 7, 8, 9, 10 e 11 da Praza da Igrexa, xusto fronte á Colexiata.
O deseño “establece unha gran coherencia e creatividade na comprensión da praza”, valorou Caballero en rolda de prensa posterior, quen subliñou en particular a idea de Liqe de plasmar o “reflexo da propia Colexiata nos cristais”. Con Javier Couto á cabeza, o equipo do estudo vigués fundado no 2007 recolleu o primeiro premio este mércores, na sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
“Absolutamente imparcial”, en verbas de Caballero, o xurado estivo presidido pola tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, e integrado por técnicos da Xerencia de Urbanismo, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e arquitectos designados polo propio COAG e os participantes. Con dezasete candidaturas presentadas, “o resultado é unha boa proposta”, afirmou Caballero, quen tamén entregou o segundo premio ao estudo MMASA (polo proxecto “Efecto mariposa”) e o terceiro, compartido entre “Pedra, cristal, madeira” de María Gloria Ochoa e “Follas novas”, de Syra Abella e Joaquín Mosquera.
Unha vez redactado o proxecto, o Concello estará en disposición de licitar as obras. Neste momento, a administración local traballa nas expropiacións. Ao respecto, o alcalde asegurou que hai una froitería afectada “á que apoiaremos con toda a marxe que nos proporciona a lei, que permite darlles apoio se buscan un local alternativo. Poden contar co apoio do Concello coas normas que marca a lei, porque nós non queremos deixar a ninguén sen o seu negocio”. No tocante ao prazo de obra, Caballero recordou que atópase nun “lugar moi sensible en termos de patrimonio histórico” e se terá “moita atención” na actuación.
“Continuamos no proceso de recuperación da cidade”, resumiu o alcalde sobre o proxecto urbanístico: “A Praza da Igrexa é un dos espazos centrais da cidade, é de todo Vigo e queremos que sexa para todo Vigo”.