Escoitar

Vigo prepara a poxa pública das catro primeiras parcelas inscritas no Rexistro de Solares

O goberno de Vigo culminou a declaración de incumprimento do deber legal de edificar por parte dos propietarios dos números 8, 10, 12 e 14 da rúa Alta, no Casco Vello. Serán as primeiras fincas abandonadas postas en venda e o comprador terá un ano para iniciar as obras.

martes, 8 xuñ 2021
Abel Caballero informou este martes das resolucións urbanísticas
Abel Caballero informou este martes das resolucións urbanísticas

Último paso para a primeira poxa pública de solares abandonados. A Xerencia municipal de Urbanismo celebrada este martes tomou coñecemento de sendas resolucións que declaran incumprido o deber de edificar dos titulares de catro parcelas no Casco Vello, nos números 8, 10, 12 e 14 da rúa Alta, incluídas no Rexistro municipal de Solares.

Logo de ter completado este trámite, estas serán as catro primeiras fincas que o Concello sacará a poxa pública, explicou Caballero en rolda de prensa, nun prazo máximo dun ano que o goberno de Vigo prevé acurtar. Unha vez adxudicadas, o comprador terá ata doce meses para iniciar as obras de construción.

Segundo as estimacións de Caballero, en menos dun ano estará listo o proceso de venda. De quedar deserto, a lei outorga ao Concello seis meses para adquirir as propiedades ao prezo de valoración ou volver a sacalas de novo ao mercado cunha rebaixa do 25%. Se de novo non aparece comprador, a administración local viguesa goza doutros seis meses para mercalas ao importe rebaixado. En calquera caso, o recadado será abonado aos propietarios.

Abel Caballero louvou un programa que procura completar a trama urbana e anunciou que continuará de forma paulatina a anotación no Rexistro de inmobles ou fincas abandonadas: “Iremos progresivamente facendo este procedemento. O que non pode pasar é que teñamos ocos e buratos na cidade porque os propietarios teñen aquelo feito ruínas. Iremos sacando e incluíndo edificios no Rexistro de Solares”.

No nomeado programa, o Concello inscribe progresivamente parcelas abandonadas para incentivar aos titulares das mesmas a cumprir coa súa obriga de construír ou rehabilitar, xa que, de non facelo, a administración está capacitada para programar a poxa pública do solo. O procedemento ofrece garantías á propiedade, posto que o Concello ten que dar varios trámites de audiencia, notificacións, ordes de execución, multas coercitivas... Unha vez cumpridos todos os pasos, conclúe o procedemento de declaración de incumprimento do deber de edificar, facultando ao Concello a lanzar a poxa pública.

Descargar todas as imaxes