Escoitar

A Pinacoteca estrea unha mostra de arte galega construída sobre a visión do espazo e da arquitectura

“Dentro e fóra. Un achegamento á representación do espazo na plástica contemporánea” abre este venres as súas portas na Pinacoteca municipal Francisco Fernández del Riego, con obra de Maside, Minguillón, Lugrís ou Colmeiro. Da colección propia do Concello, a exposición propón dúas miradas complementarias sobre o lugar, configuradas ao redor do espazo aberto e do pechado.

venres, 21 mai 2021
O alcalde, no centro, participou na inauguración xunto ao edil de Cultura, Abel Losada, e ao artista Antón Pulido e ás comisarias da exposición
O alcalde, no centro, participou na inauguración xunto ao edil de Cultura, Abel Losada, e ao artista Antón Pulido e ás comisarias da exposición, Miriam Elena Cortés López e Patricia Cupeiro López.

En declaracións públicas, o alcalde, Abel Caballero, animou á cidadanía a visitar estra “extraordinaria exposición”, unha “mostra excepcional da pintura contemporánea” composta por obra propia do Concello de Vigo, o que revela a “riqueza pictórica” coa que conta a cidade.

A proposta traza unha reflexión sobre a arquitectura e o espazo a través dunha antoloxía de obra firmada por mestres e mestras da pintura galega: Manuel Colmeiro, Julia Minguillón, Lugrís, Souto, Maside, Martínez Abades, Torras Martínez, Dans Boado, Bóveda Gómez, Bello Piñeiro... A mostra propón dúas miradas sobre unha mesma temática, o espazo, o lugar vivido e representado polos artistas, e configúrase a través de dúas exposicións complementarias: unha dedicada á representación do espazo aberto e outra, do espazo pechado. Os verdadeiros protagonistas, polo tanto, son os elementos construídos en relación aos lugares e ás emocións que suscitan.

"Dentro e fóra. Un achegamento á representación do espazo na plástica galega contemporánea" inaugúrase este venres e poderá ser visitada ata o 24 de outubro na Pinacoteca municipal, no número 8 da rúa Abeleira Menéndez.

O alcalde, no centro, participou na inauguración xunto ao edil de Cultura, Abel Losada, e ao artista Antón Pulido e ás comisarias da exposición
Descargar todas as imaxes