Escoitar

O goberno de Vigo licita por 2,9 millóns a finalización da Vía Verde

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación da segunda fase da implantación da senda peonil e ciclista entre Urzáiz e Teis, pola antiga vía do tren. Segundo informou Abel Caballero, contando co abonado pola parte xa aberta, o Concello adicará 3,4 millóns á transformación de 3,6 quilómetros de trazado.

xoves, 28 xan 2021
Abel Caballero, en rolda de prensa presencial e telemática
Abel Caballero, en rolda de prensa presencial e telemática

O alcalde deu conta este xoves dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a contratación da execución da segunda fase da Vía Verde, “un gran paseo en todo o trazado ferroviario desde Vía Norte ata Redondela”.

Para Abel Caballero, a senda é “unha das grandes humanizacións da cidade de Vigo”, con 3,6 quilómetros de lonxitude e 3,4 millóns de investimento, e estará en funcionamento “antes dun ano”. O goberno vigués aprobou os pregos de condicións e lanza a licitación pública, cunha reserva de 2.968.000 euros para completar a remodelación, contía que se engadirá aos 430.000 euros abonados pola primeira fase xa aberta ao público.

O deseño municipal para a antiga vía do tren recolle un carril bici de tres metros de ancho e unha senda peonil de dous metros, o acondicionamento da plataforma ferroviaria e a creación de áreas de descanso e miradoiros, ademais de arborado, bancos, aparcabicis, fontes e papeleiras. O alcalde subliñou que a Vía Verde ofrecerá zonas de esparexemento con xogos infantís, aparatos biosaudables e un circuíto de adestramento ao aire libre, con mesas de ping-pong. O Concello prevé manter a orixe ferroviaria, respectando parte da sinalización orixinal, tramos de raís e outros elementos. Tamén contempla instalar iluminación ao longo do trazado, reconstruíndo a catenaria.

A senda verde terá numerosos puntos de entrada e saída ao longo dos seus máis de tres quilómetros e medio de traxecto. Do número 1 da Vía Norte partirá unha pasarela de cincuenta metros ata a rúa Navarra, que quedará unida co viaduto de Isaac Peral -e polo tanto coa Vía Verde- a través dun paseo de madeira. Tamén se adecuará o acceso desde o paso elevado na Avenida de Bos Aires cunha rampla, engadiu o alcalde, e se abrirán conexións nas rúas Coutadas, rúa do Xuncal, camiño da Vía, camiño da Ferrería, Avenida de Galicia, Párroco don Serafín, camiño Cascalleira e camiño das Ánimas.

Rúa Rosal

Na mesma sesión, o goberno de Vigo aprobou o proxecto de obras de humanización da rúa Rosal, para o que reserva un orzamento de 386.000 euros. Segundo detallou Abel Caballero, a remodelación suporá o soterramento do subministro de enerxía e alumeado público, a renovación das redes de abastecemento, do rego e dos colectores de saneamento e drenaxe.

“Unha humanización da forma máis extraordinaria e máis digna”, valorou o rexedor, “como facemos as humanizacións desta cidade”, con beirarrúas de granito, xardinería, novos puntos de luz, mobiliario urbano, semaforización e sinalización.

Descargar todas as imaxes