Escoitar

O goberno municipal limpou de maleza trinta fincas privadas a finais de 2020

Seguindo a normativa autonómica, explicou este venres Abel Caballero, o goberno de Vigo realizou nos últimos meses do pasado ano a roza dunha trintena de parcelas de propietario descoñecido, por razóns de salubridade e prevención de lumes. O investimento municipal ao efecto ascendeu a 18.000 euros.

venres, 8 xan 2021

O alcalde comunicou este venres en rolda de prensa que o Concello que encabeza vén de realizar nos últimos meses do pasado ano a limpeza de maleza en preto de trinta fincas cuxa titularidade é descoñecida. As rozas se estenderon por numerosas zonas da cidade, como Coia, as avenidas de Madrid, Ricardo Mella e Florida, Beade, Teis, Lavadores, Castrelos, Matamá, Sárdoma, Couto San Honorato, a estrada de Camposancos ou fincas do barrio de Cambeses.

A limpeza de forma subsidiaria de solo privado como medida de prevención ante posibles incendios responde a unha normativa autonómica, trasladou Caballero, quen censurou que a Xunta non asuma directamente o seu cumprimento e descargue nos concellos a responsabilidade de facelo, sen que veña acompañada dunha partida económica. Non obstante, e a pesar dunha norma “inxusta” para o alcalde, estas actuacións son “moi importantes” para evitar lumes, “é unha lei e acatámola”.