O goberno local modifica a ordenanza da auga para iniciar o cobro por consumo a partir de 2021
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves a modificación da ordenanza da auga para cobrar a taxa en base ao consumo de cada usuario. O alcalde explicou que comeza o proceso para permitir que as novas tarifas entren en vigor a partir do vindeiro mes de xaneiro.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa de que o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local a modificación da ordenanza para a adaptación da tarifa da auga. “Iniciamos a andadura para un cambio con dimensión histórica, cunha formulación de base para facilitar unha utilización máis eficiente da auga”, sinalou o rexedor.
Caballero indicou que o primeiro requisito, a consulta pública, xa foi superada cun prazo de 20 días hábiles, e tras aprobación en Xunta de Goberno será necesario o ditame do Tribunal Económico de Vigo, o da Comisión de Facenda, a aprobación de emendas, o acordo provisional no Pleno, a segunda exposición pública con período de alegacións e a aprobación definitiva en Pleno Municipal.
A previsión do Concello é que a partires do 1 de xaneiro haberá unha nova forma de tarificar o recibo da auga, no que unha parte importante será o consumo e no que non haberá mínimos exentos como ata agora. Así, o alcalde explicou que a tarifa terá unha parte fixa e outra variable en función do consumo. A parte fixa son os custes que se establecen polo mantemento das redes de abastecemento, rede de sumidoiros e depuración. “O que se chama estar conectado”, dixo.
Na parte variable ten que ver o consumo e o vertido á rede, que funciona con tarifas diferentes dependendo das cantidades. O primeiro tramo queda fixado en base ao que considera a OMS como cantidade necesaria para vivir en condicións de hixiene e saúde, entre 50 e 100 litros por persoa e día.
Sete céntimos por 100 litros por día e persoa
“Ten que haber unha taxa baixa, para garantir que todo o mundo teña esta cantidade, e aquí nos imos ao máximo, 100 litros por persoa e día custarán 7 céntimos, a partir de aí canto máis se consume máis alta é a tarifa. Nun domicilio de tres persoas terán esta tarifa para 300 litros ao día, así xa ten en conta o número de habitantes en cada vivenda”, sinalou Caballero.
Nunha simulación amosada polo alcalde durante a rolda de prensa, un recibo con 12 metros cúbicos nun domicilio de 3 persoas ten unha tarifa actual de 35,79 euros. Coa nova ordenanza o custe baixaría a 34,69 euros.
O alcalde lembrou que o tramo mínimo de 7 céntimos para os primeiros 100 litros tan só será para as persoas censadas en Vigo. Tamén abundou en que haberá bonificacións para as 4.000 familias con poucos recursos .”A metade dos consumidores da cidade van a aforrar de un 2% para arriba”, aclarou.