O alcalde urxe á Xunta a reunirse con Foanpas para garantir os comedores escolares
Abel Caballero amosou este martes a súa “preocupación” pola situación dos comedores escolares xestionados polas ANPAS da cidade -que non abrirán en discrepancia pola seguridade do protocolo autonómico contra o Covid- e pediu a Núñez Feijóo que “tome cartas no asunto” porque “moitos nenos, se non comen no comedor escolar, sinxelamente non comen”.
O rexedor considera “gravísima” a situación e urxe á Xunta de Galicia a dialogar “de forma inmediata” con Foanpas para que poidan abrir os comedores escolares que xestiona a Federación, a metade de todos os colexios públicos.
En particular, Abel Caballero demandou ao presidente da Xunta que se involucre persoalmente e “tome cartas no asunto” para solucionalo, porque o comedor escolar é “unha forma de conciliar para os pais e nais” e ademais porque “moitos nenos e nenas, se non comen no comedor, sinxelamente non comen”.
“Quero acender a luz vermella, isto é dunha gravidade extrema e pido ao presidente da Xunta que tome cartas no asunto persoalmente”, insistiu Caballero, quen avanzou que ten unha solicitude de reunión por parte de Foanpas, entrevista que se producirá en próximos días.