O Concello abre este venres na Porta do Sol o primeiro dos 15 concertos con 39 grupos vigueses
O Concello de Vigo ofrecerá este venres na Porta do Sol o concerto de Pablo Lesuite e Cómplices, primeira actuación das 15 programadas entre os meses de agosto e setembro. Abel Caballero puxo en valor un formato que ofrece propostas por toda a cidade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou este xoves que o Concello organiza quince concertos de diferentes estilos de música que reunirán a case que corenta artistas da escena local viguesa. Todos eles comezarán ás 22 horas e serán desde o 21 de agosto ata o 13 de setembro.
O primeiro dos concertos será este venres na Porta do Sol e os artistas invitados son Pablo Lesuite e o grupo Cómplices. O sábado será a quenda de Fon Román, Amaro Ferreiro e Frans Banfield en Liñares (no torreiro de San) e domingo 23 de agosto, tamén ás 22:00 horas, actuarán Woyza e Baby Katze, e Broken Peach no torreiro de Coia.
De cara aos meses de agosto e setembro, o Concello de Vigo programa 72 concertos de bandas e corais, case que medio centenar de música e baile tradicional e preto dun cento de actividades para os máis pequenos, con música, teatro, contacontos e maxia, entre outras. Vigo tamén ofrece máis de setenta actuacións de teatro, circo e música para un público máis familiar e adulto, regueifas, espectáculos que conxugan poesía e piano e charlas de divulgación científica. Todas estas propostas terán lugar por toda a cidade.
En Villa Solita, o Concello combina unha proposta de coñecemento do patrimonio seguida de música en directo, os venres de agosto e os dous primeiros de setembro, cun aforo máximo de 30 persoas por orde de chegada. No Centro de interpretación do mundo romano de Toralla, a idea pasa por conectar a recreación histórica coa música, con catro concertos a cargo das orquestras Vigo 430 e da Clásica de Vigo, cun aforo máximo de 120 butacas, tamén por orde de chegada.