Escoitar

Caballero retoca o seu goberno e afianza as áreas de Emprego e Benestar

O alcalde anunciou este xoves cambios na composición do goberno de Vigo, que incorpora ao novo edil Pablo Estévez, á fronte de Participación Cidadá e Festas. Pola carga de traballo do coronavirus, Abel Losada céntrase en Cultura e Emprego e Yolanda Aguiar, en Política de Benestar.

xoves, 13 ago 2020
Abel Caballero informou en rolda de prensa das modificacións na composición do seu goberno
Abel Caballero informou en rolda de prensa das modificacións na composición do seu goberno

Abel Caballero fixo pública este xoves en rolda de prensa a nova composición do goberno que dirixe, unha vez tomou posesión o novo concelleiro, Pablo Estévez, que entrou en substitución de Isaura Abelairas, recentemente elixida como deputada no Parlamento de Galicia.

Segundo trasladou o alcalde, Estévez será o responsable das áreas de Participación Cidadá e de Festas e compaxinará a súa dedicación parcial no Concello co seu traballo como avogado. Losada, anterior edil de Participación, queda coas concellerías de Cultura e Emprego; María Lago deixa Festas e faise cargo de Xuventude e Cíes Patrimonio da Humanidade, que se suma a Turismo.

Abel Caballero explicou que o Covid-19 eleva a carga de traballo nas áreas de Emprego e Política de Benestar, esta última na man de Yolanda Aguiar, que deixa Cíes para adicarse en exclusiva a este departamento. Gorka Gómez perde Xuventude e mantén Educación -que tamén ve incrementada a súa actividade polo coronavirus- e as súas responsabilidades no goberno da Deputación de Pontevedra.

“O concelleiro Losada”, abondou o alcalde, “ten unha cantidade de traballo moi adicional no emprego, que co Covid colleu unha nova dimensión” e Cultura recibirá boa parte dos fondos estatais do acordo entre a FEMP e o Goberno de España, afirmou Caballero. “Yolanda Aguiar se queda exclusivamente con Política de Benestar porque a dedicación e o tamaño (desta área) é moi superior ao que nunca foi” pola pandemia e o Ingreso Mínimo Vital.

Igualdade e deporte

O alcalde deu conta de asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, como a aprobación das bases e convocatoria das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas e/ou actividades de promoción das mulleres. A convocatoria ten unha contía total de 91.000 euros, cun máximo de 3.000 euros por solicitude.

A resolución será por concorrencia competitiva e o Concello apoia os eventos realizados entre outubro de 2019 e de 2020. Caballero, quen recordou que 51 entidades foron beneficiarias na edición do pasado ano, trasladou que esta convocatoria forma parte dos 1,2 millóns de euros do orzamento municipal de Igualdade, entre os que destacan partidas como 136.000 euros para promoción da igualdade e deporte feminino, 241.000 euros para o Centro de Emerxencia, 158.000 euros para o programa SADI – Canguros ou os 155.000 euros do plan municipal de igualdade de oportunidades.

En segundo lugar, Abel Caballero informou da resolución da convocatoria de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro orientadas á mellora da iluminación en campos de fútbol, coa adxudicación de 80.000 euros á SCD Atlántida de Matamá, que renovará con este apoio municipal o sistema de luz de Penedo de Moo con criterios de eficiencia enerxética.

Descargar todas as imaxes