Abel Caballero salienta o “comportamento exemplar” da sociedade na homenaxe de Estado ás vítimas do coronavirus
O presidente da FEMP, en representación de tódolos gobernos locais de España sumouse ao recordo ás persoas falecidas, ás súas familias e aos colectivos que traballaron en tódolos ámbitos durante a crise sanitaria.
O alcalde de Vigo participou esta mañá, no nome de tódolos gobernos locais españois, no acto de homenaxe ás vítimas do coronavirus, ás súas familias e a todas aquelas persoas que traballaron incansablemente durante o período de confinamento. Caballero destacou o “comportamento exemplar” da sociedade durante este tempo.
Para o presidente da FEMP, o acto foi unha “mostra de afecto e proximidade coas familias e a contorna das persoas falecidas” e a ocasión para recoñecer o traballo dos numerosos colectivos que garantiron servizos e subministros á poboación.
No acto, celebrado esta mañá na praza da Armería do Palacio Real de Madrid, Abel Caballero colocou unha rosa branca no pebeteiro, en sinal de recoñecemento e homenaxe.