Escoitar

O alcalde continúa cos sindicatos as reunións de reconstrución socioeconómica da cidade

A pasada semana tivo lugar a primeira reunión do novo comité asesor cidadá constituído por Caballero para trazar en conxunto a recuperación social e económica en Vigo tras a crise do coronavirus. Este mércores continúa o traballo cunha videoconferencia cos representantes sindicais.

martes, 21 abr 2020

Mañá mércores proseguirán as entrevistas do alcalde de Vigo cos sectores económicos e sociais para definir conxuntamente a reactivación social e económica da cidade despois do coronavirus.

Logo da primeira reunión a semana pasada do comité asesor cidadá, a seguinte cita será cos sindicatos, segundo avanzou este martes Abel Caballero. O Concello de Vigo debulla un “programa propio” de recuperación socioeconómica da cidade coa participación de todos os sectores, tal e como explicou o alcalde en rolda de prensa telemática.

Limpeza e seguridade

En declaracións aos medios, o alcalde recordou que este mércores comeza a traballar o novo camión de desinfección de 9.000 litros de capacidade, equipado con dos canóns de “enorme potencia”, e que operará fundamentalmente no rural vigués. O novo vehículo sumarase así aos equipos municipais de desinfección diaria de rúas no casco urbano e nas parroquias da cidade, que acometen a limpeza duns 50 quilómetros cada día. Abel Caballero asegurou que “é posible que algunha cidade desinfecte tanto como Vigo; máis, ningunha”.

Por último, o rexedor vigués deu conta das sancións impostas este luns e na pasada fin de semana pola Policía Local a persoas que incumpriron as medidas contempladas no estado de alarma. Os axentes cursaron 29 denuncias onte luns, 43 o domingo e outras 48 o pasado sábado. A Policía Local, engadiu o rexedor, revisou este luns novamente os precintos nas zonas pechadas da cidade, singularmente parques, fontes, contornas das praias e espazos adxacentes.