Escoitar

O Nadal vigués bate novos récords de afluencia

A Cabalgata dos Reis Magos, o Belén Monumental, a Casa de Papá Noel e o Nadal Bus marcaron de novo datos de récord durante os últimos días. O alcalde confirmou que o vindeiro domingo, ás 20:00 horas, levarase a cabo o apagado do alumeado.

martes, 7 xan 2020
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu este martes en rolda de prensa os datos obtidos nos últimos días polas actividades do programa de Nadal e destacou o éxito de afluencia logrado tanto coa Cabalgata dos Reis Magos coma en outras instalacións do Concello no centro de Vigo.

Un total de 200.000 persoas asistiron ao desfile de Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente polas rúas de Vigo, segundo indicou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. "Houbo ata 20 ringleiras de espectadores en moitas zonas do percorrido e no Paseo de Alfonso a afluencia rondou as 15.000 persoas", sinalou.

Respecto a outras actividades do Nadal de Vigo, Caballero indicou que xa se bateron récord de cifras de pasadas edicións e sinalou que polo Belén Monumental pasaran xa 101.016 visitantes, cando en 2018 foran en total 66.000.

Tamén no caso da Casa de Papá Noel se superaron os datos, cunha 50.0000 visitas xa contabilizadas unha semana antes de que remate o Nadal e o Nadal Bus rexistras a estas alturas máis de 20.000 usuarios, 5.000 de eles coa Pass Vigo.

Por último, o alcalde confirmou que o vindeiro domingo, día 12 de xaneiro (20:00 horas), tal e como estaba previsto levarase a cabo o apagado do alumeado de Nadal coa actuación dun grupo musical.