Escoitar

O Concello de Vigo inaugura o tramo do carril-bici de 2,6 quilómetros entre Camelias e Venezuela

Abel Caballero e Carmela Silva inauguraron este mércores un novo tramo de carril-bici operativo, o que discorre entre a Praza Independencia e o cruce de Venezuela con Gran Vía. Deste xeito, avanza un proxecto que conta cun orzamento de 4,5 millóns, dos que 3,5 proceden de fondos da Deputación de Pontevedra.

mércores, 4 dec 2019
1575467164041219CarrilBici_01.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a tenente de alcalde, Carmela Silva, inauguraron este mércores o tramo de carril-bici que vai desde a Praza Independencia ata o cruce de Venezuela con Gran Vía. Este percorrido de 2,6 quilómetros vense sumar ao tramo xa inaugurado o pasado mes de setembro, o correspondente á Avenida Castelao, en Coia (desde Praza de América ata o Volcán).

Tal e como detallou o rexedor, este proxecto, cun importe de 4,5 millóns, está financiado a través dun convenio entre Concello e Deputación, polo que a institución provincial achega 3,5 millóns e a administración local, 953.000 euros.

"É un carril-bici que atravesa Vigo de punta a punta, é o presente e o futuro, a experiencia mostra que ademais por onde hai carrís hai máis florecemento do comercio de proximidade porque aparcar un patinete. Estamos ante a revolución da cooperación para que as vindeiras xeracións teñan un planeta habitable", sinalou Caballero tras inaugurar a nova infraestrutura á altura da rúa Venezuela.

O alcalde destacou que o formato de carril bici "minimiza o risco de accidentes" e apuntou que en todas as interseccións a vía está pintada de vermello para que os usuarios extremen as precaucións. Outra medida para ter en conta para ciclistas e usuarios de patinete eléctrico está nas paradas de bus, onde uns semáforos intermitentes advirten que teñen preferencia as persoas que baixen do autocar.

"É un avance moi importante para unha cidade como Vigo que quere ser unha referencia en todo o que ten que ven con todo o que ten que ver coa mobilidade", sinalou Carmela Silva. Ademais, Caballero enumerou que en todo o carril bici haberá 400 tacos de plásticos reflectores para delimitar a senda con respecto ao carril de motos e coches e a instalación de 150 semáforos exclusivos para ciclistas. Outros elementos que se incorporan ao sistema de tráfico son máis de 200 sinais marcando todas as interseccións ou 130 vaos que teñen sinais horizontais nos carrís.
1575467164041219CarrilBici_01.JPG
1575467178041219CarrilBici_04.JPG
1575467188041219CarrilBici_03.JPG
Descargar todas as imaxes