Escoitar

A campaña de reciclaxe nas Illas Cíes repartirá este verán máis de 20.000 bolsas para residuos

O alcalde de Vigo informou este luns de que a campaña "Vas ao paraíso, volve deixando un paraíso. En Cíes, nin residuos, nin lixo" ten unha boa acollida e permitirá repartir 20.000 bolsas de reciclaxe. Esta cuarta edición da iniciativa entrega aos viaxeiros un pack con tres bolsas diferenciadas en función do tipo de residuo.

luns, 19 ago 2019
A cuarta edición da campaña de reciclaxe nas Illas Cíes, promovida polo Concello de Vigo e FCC, repartirá este verán un total de 20.000 bolsas co obxectivo de separar os residuos xerados e depositalos nos colectores instalados na Estación Marítima de Vigo

"As Cíes teñen que estar igual dentro de 5.000 anos, é moi importante esta campaña e a xente coopera, os visitantes van a desfrutar ás illas e tamén están concienciados co medio ambiente", apuntou este luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Baixo o lema "Vas ao paraíso, volve deixando un paraíso. En Cíes, nin residuos, nin lixo", a iniciativa que deu comezo o pasado 25 de xullo e que finalizará o derradeiro fin de semana de agosto (sábado 31 e domingo 1 de setembro) entregará aos usuarios das navierias un pack con tres bolsas diferenciadas: azul (papel e cartón), amarelo (envases plásticos, latas e bricks) e verde (vidro). O kit tamén inclúe unha pequena guía explicativa sobre a campaña e sobre a riqueza da fauna e flora das Cíes.

Recollida de residuos urbanos
Por outra banda, o alcalde informou de que Vigo pechou o ano 2018 cunha recollida de 128.156 toneladas de residuos, o que supón 3.400 toneladas máis de residuos respecto a 2016. "Estamos tendo un incremento sostible moi importante de recollidas e reciclaxe. O aumento máis importante foi a recollida de papel e cartón, que foi un 30% maior en dous anos, tanto é así que xa din instrucións para facer a recollida con maior frecuencia", sinalou o rexedor.