Escoitar

O rexedor valora a "multitudinaria" afluencia de público a todos os concertos de Castrelos

Onte xoves, o "extraordinario" concerto de David Bisbal no auditorio ao aire libre puxo fin ao programa estival do Concello en Castrelos, cunha "afluencia inconmensurable" de público pese ao adverso do tempo. En total, incluídos os espectáculos infantís, a asistencia superou o medio millón de persoas, segundo afirmou Caballero.

venres, 9 ago 2019
O artista almeriense pechou onte xoves o programa estival en Castrelos, cun concerto "marabilloso, extraordinario", cunha "afluencia inconmensurable" pese á chuvia. Caballero tamén quixo agradecer a disposición de David Bisbal á hora de ofrecer o seu espectáculo.

Como balance do programa de actuacións en Castrelos, Abel Caballero asegurou que, "de largo", foron "as mellores que houbo na historia desta cidade", cunha presenza "multitudinaria" en todos os concertos que oscilou entre os 30.000 espectadores de Lauryn Hill e os 65.000 do concerto de Thirty Seconds to Mars. Todos xuntos, incluídos os cinco espectáculos para público infantil e familiar -no que algún se rexistraron máis de 8.000 persoas en Castrelos-, o alcalde cifrou a asistencia global a Castrelos en máis de medio millón de espectadores.

Unha vez concluídos os dez concertos e os cinco espectáculos infantís deste verán no parque de Castrelos, Abel Caballero amosouse "moi satisfeito" co resultado e co número de espectadores: "Palabras maiores", anotou. De cara ao ano que vén, o alcalde avanzou que o Concello programará doce concertos neste auditorio vigués.