Escoitar

O Concello aproba o proxecto de servizos sociais comunitarios por valor de 10 millóns de euros

O alcalde insta á Xunta de Galicia a que asuma o custo destes servizos que son "da súa competencia e obriga" e dos que o Concello financia o 63%. Amais, o goberno vigués aprobou a contratación do persoal de atención dos museos municipais por medio millón de euros anuais.

venres, 26 xul 2019
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a proposta do proxecto anual de servizos sociais comunitarios básicos municipais 2019 que inclúe o servizo de orientación e información, o servizo de axuda a domicilio, o programa de Infancia e Familia e o programa de inclusión social cun importe total de 10.091.000 euros.

Abel Caballero expuxo que estes servizos son "competencias exclusivas da Xunta de Galicia que debe financialas ao 100%" pero que os municipios de máis de 70.000 habitantes deben financialos polo menos nun 33% en virtude dun decreto autonómico do ano 2012. Así, no ano 2018, o Concello solicitou para este proxecto 5,8 millóns de euros e a Xunta concedeu 2,9 millóns, de maneira que Vigo asumiu o 63% do custo dos servizos sociais comunitarios básicos, mentres a Xunta asumiu o 37%.

O rexedor cualificou de "escándalo inconmensurable" esta situación e anunciou que enviará toda a información á Xunta de Galicia para instala "a que faga fronte aos seus compromisos", xa que o Concello ten que pagar 6,3 millóns de euros, dous terzos do custo dos servizos.

Aínda na área de política social, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a subvención nominativa a favor da Asociación MALEMBE para o desenvolvemento do proxecto "Vigo polo Congo" no orfanato Kimbondo en Kinshasa co que se atende as necesidades educativas, alimentarias e sanitarias de nenas e nenos de acollida. O alcalde explicou que os 20.000 euros destinados son "a nosa política de cooperación cos países que viven nunha miseria total, que seguiremos facendo directamente desde Vigo".

Museos municipais
Amais, a Xunta de Goberno deu luz verde a contratación de servizos de atención ao público en dependencias da Red de Museos municipais por un importe anual de medio millón de euros para o persoal do Museo de Castrelos, a Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e o museo Verbum-Casa das Palabras.

Ordenanzas fiscais
O goberno de Vigo tamén validou a modificación das ordenanzas fiscais para o próximo ano. En declaracións do edil de Facenda, quen recordou que non se actualizan desde 2017, o Concello explicou que para 2020 non se aplicará o IPC acumulado, co que se rebaixa a carga impositiva real dos vigueses e viguesas.

Vigo continuará por tanto con débeda cero e coa menor presión fiscal das cidades galegas. Detallou Jaime Aneiros que o IPC acumulado ascende ao 2,8% pero o goberno vigués aplicará un 2,5% en taxas e impostos, coas excepcións do IBI, no que se aplica un 1%, e dos pagos de Construccións, plusvalía, circulación para motocicletas e a auga, que non variarán con respecto ao presente ano.

O goberno de Vigo cifrou en case que oito millóns de euros as bonificacións que aplica a empresa e familias no pago de taxas e impostos municipais.