Escoitar

Vigo suma poboación por cuarto ano consecutivo

O alcalde informou este xoves dos datos de poboación de Vigo que ofrece o Instituto Nacional de Estatística, con data 1 de xaneiro deste ano, e que revelan que a cidade, con 295.323 censados, suma poboación por cuarto ano consecutivo. "Encamiñámonos de novo aos 300.000" habitantes, indicou Abel Caballero.

xoves, 27 xuñ 2019
O Concello xa dispón do dato do INE de poboación censada na cidade, que consolida a liña de crecemento de poboación que Vigo vén rexistrando desde 2016. Segundo os datos ofrecidos hoxe por Abel Caballero, Vigo contaba en 2016 con 292.817 habitantes censados polos 295.323 desde ano, 2.506 persoas máis.

"Vigo está subindo a súa poboación de forma continua desde o ano 2016", declarou o rexedor, con 292.817 persoas no 2016, 292.986 censados a 1 de xaneiro de 2017, 293.642 un ano despois e os 295.323 habitantes deste ano.

Caballero engadiu que "Vigo está a recuperar poboación" e "en todo caso levamos catro anos consecutivos subindo a poboación e encamiñámonos de novos aos 300.000" habitantes. "Outras cidades de España están diminuíndo poboación e sen embargo Vigo a aumenta", constatou o alcalde.

Climatización e videomarcador para Travesas
O rexedor deu conta tamén da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da proposta adxudicación da contratación do arrendamento dun sistema de climatización para o pavillón central do complexo deportivo de Travesas, de cara á celebración do Campionato Mundial junior de balonmán. Quedou tamén aprobada a adxudicación da contratación do subministro dun videomarcador electrónico para o pavillón central das Travesas a Mondo Ibérica, por un importe de 57.352 euros e un prazo de garantía de 7 anos.