Escoitar

A ausencia de proxecto construtivo obriga á Xunta a pedir unha prórroga da licenza de obras do Centro de Saúde de Bouzas

O Concello vén de recibir unha solicitude por parte da Xunta para prorrogar a licenza de obras do centro de atención primaria de Bouzas porque aínda non entregou o proxecto executivo. Deste xeito, confírmase, como xa denunciara o rexedor, que o Goberno autonómico non ten intención de iniciar esta construción en xuño, tal e como anunciou en período electoral.

mércores, 26 xuñ 2019
Abel Caballero deu conta esta mañá da solicitude do Sergas de prórroga do prazo de inicio da construción do Centro de Saúde de Navia. O pasado mes de xaneiro, a Xerencia de Urbanismo concedeu licenza para estas obras, unha autorización condicionada á entrega do proxecto básico e de execución. Dado que non existe tal proxecto, o Sergas viuse obrigado a solicitar unha prórroga desta licenza o que demostra que a Xunta non tiña intención algunha de iniciar as obras en xuño, tal e como anunciou xusto antes das eleccións, "era unha mentira". O rexedor lembrou que o Concello cedeu o solo para esta construción en 2008 e "en once anos o único que fixeron é pedir a prórroga dunha licenza".

Albergue
O alcalde tamén se referiu á visita que fixo onte a Vigo o conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, para presentar un albergue de peregrinos no Berbés, "un proxecto que xa estaba presentado". De feito, o 10 de abril, a Xunta entregou no Concello un proxecto básico para pedir a licenza de obra. O 23 de xuño reuniuse a Comisión de Seguimento do PEPRI Casco Vello que emitiu informe favorable, co que se iniciou a tramitación administrativa da licenza. Onte mesmo, a Xerencia de Urbanismo requiriu á Xunta documentación que, sorprendentemente, non aportara: aval para as obras de urbanización e folla de dirección técnica das obras. Tal e como indicou o rexedor, unha vez entregada, concederáselles licenza sobre proxecto básico, pero aínda non se recibiu o proxecto de execución, sen o que non poden, ni tan sequera, iniciar as obras. Unha vez máis, apostilou, "a Xunta veu a Vigo a facerse unha foto".