Escoitar

Vigo acolle esta fin de semana a fase de ascenso a División de Honra masculina de balonmán no Pavillón de Navia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a fase de ascenso a División de Honra Prata masculina, a segunda categoría do balonmán español, que o polideportivo municipal de Navia acollerá durante a ponte das Letras Galegas (17 ao 19 de maio)

luns, 13 mai 2019
1557769207IMG_9153.jpg
Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente do Unión Balonmán Lavadores, Iván Pérez, o director deportivo do club, Sergio Carballeira, o directivo Javier Abalde e varios xogadores, abriu a súa intervención catalogando o evento como "de primeira magnitude en España" e engadindo un chisco de humor: "Aquí están connosco os que van ascender, sen presión...", referíndose a directivos, corpo técnico e tamén aos xogadores Alan e Abiel Villalobos, Adrián Suárez e Javier Freijeiro.

O rexedor sostivo que o campionato, unha liguilla a unha soa volta durante tres días (ascende o campión), "é un feito tan importante polo que significa unha fase de ascenso, porque queremos estar na División de Honra Prata e é todo o noso empeño". Pero coa escusa deste evento tamén quixo "felicitar ao Balonmán Lavadores por unha tempada tan extraordinaria en todas as divisións", dixo. De feito, o club quedouse ás portas da fase de ascenso a División de Honra Prata na categoría feminina.

Dende o Concello se invita á cidade "a acudir ao pavillón de Navia, onde o Construciones Castro Lavadores xogará este venres ás 18:00 horas ante o Balonmano Elda, o sábado contra o Helvetia Anaitasuna (18:00) e o domingo pechará o torneo diante do Cajasur de Córdoba (12:30).

Sergio Carballeira, en representación do equipo campión da liga regular de Primeira Nacional, agradeceu ao Concello, patrocinador da fase, "axudarnos a traela para Vigo" e lembrou que dende o UB Lavadores "estamos traballando moito en traer a elite do balonmán outra vez a Vigo", pois o desexo da entidade é "recuperar toda a masa social viguesa próxima ao balonmán". Pero para logralo é necesario subir, polo que Carballeira solicitou en nome do club "que a afección se anime a empuxarnos e que se volva a enganchar ao balonmán vigués". E recoñeceu que o Construciones Castro Lavadores comportouse ata agora como un equipo "potente, e xogar en casa é un factor diferencial".

Caballero tamén incidiu na resposta da afección "para conseguir volver ter na División de Honor Prata un equipo de Vigo e desta envergadura. Para a cidade é moi importante polo club, polo que significa, pola zona de Lavadores e porque é retomar a nosa tradición de grandes xogadores de balonmán nunha cidade con tanta esencia". Ademais, o xefe do goberno local asegurou que "aínda que non a necesitades, o Dinoseto", que figura no cartel do cuadrangular do mesmo xeito que as Cíes, "vaivos a botar unha man".
Descargar todas as imaxes