Escoitar

O alcalde anima á cidadanía a encher o pavillón de Navia na fase final da Euroliga 3

O mellor baloncesto en cadeira de rodas de Europa cítase en Vigo do 26 ao 28 de abril coa celebración da fase final da Euroliga 3, na que o vigués Iberconsa Amfiv intentará revalidar o título acadado hai dous anos. Abel Caballero participou este luns na presentación do evento e invitou á cidadanía a encher o pavillón.

luns, 15 abr 2019
1555330646150419AmfivCopaEuropa.JPG
A presentación pública da Euroliga 3 contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto a José Antonio Beiro, presidente do Iberconsa Amfic, Carmela Silva, tenente de alcalde viguesa e presidenta da Deputación, Xosé Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte, Imanol Almudí, director xeral de Iberconsa e Víctor Moralejo, en representación de Abanca.

A fase final da Euroliga 3 disputarase na cidade do 26 ao 28 de abril. O Iberconsa Amfiv enfrontarase a tres equipos turcos (Fenerbahce, Izmir e Gaziantenp), un italiano (Varese), un austríaco (RBB Flinkstones), un británico (London Titans, semifinalista aquí en Vigo hai dous anos) e un israelí (Beit-Halochem Tel Aviv), co obxectivo de tentar revalidar o éxito conseguido hai dous anos cando se gañou a Copa de Europa ante un pavillón de Navia completamente cheo.

O equipo vigués quedou encadrado no Grupo A, sobre o papel o máis complicado, e medirase co London Titans, Izmir e Fenerbahce por unha das dúas prazas que dan acceso ás semifinais. O Iberconsa disputará o partido inaugural o venres 26 ás 12 horas no pavillón de Navia ante o London Titans. A segunda cita do Amfiv será o propio venres ás 18:15h ante o Izmir, para pechar a fase de grupos o sábado ás 10h contra o Fenerbahce.

En caso de acabar nunha das dúas primeiras prazas, os vigueses disputarían as semifinais o sábado pola tarde, ás 16,00 ou ás 18,00 dependendo de se son primeiros ou segundos. O terceiro e cuarto posto xogarase o domingo ás 10,00 e a gran final ás 12,15 horas, todo iso xa no Pavillón de Navia, que será a sede na que o Iberconsa Amfiv xogue todos os seus partidos mentres que o grupo B (formado por Varese, Beit-Halochem Tel Aviv, Gaziantenp e Flinkstones) disputará os seus encontros no pavillón Pablo Beiro de Bouzas.

En total, para gañar a Copa de Europa hai que disputar cinco encontros en apenas 72 horas, un gran esforzo físico e mental para o que o Iberconsa Amfiv vai necesitar, como xa sucedeu hai dous anos, o inestimable apoio do público vigués, segundo anotaron na rolda de prensa. O alcalde de Vigo animou a todo a cidade a encher os pavillóns, en particular o de Navia para apoiar ao club vigués.

Co obxectivo de animar á participación cidadá, o club, durante o último mes e en colaboración co Concello, Vitrasa e o Seis do Nadal, levaron a cabo diversas iniciativas para dar a coñecer a todos os vigueses a disputa da Euroliga 3 aquí en Vigo. Baixo e lema "Na miña casa non" e "A Copa de Europa volve a casa", realizouse unha campaña de promoción en Príncipe, se rotularon autobuses que van seguir percorrendo a cidade ata que acabe o torneo, colocáronse valos publicitarios e, ademais, púxose en marcha a "Eurolinco", unha competición de 3x3 para que nenos e nenas de 10 e 11 anos tivesen o seu primeiro contacto co baloncesto en cadeira de rodas e coñecesen de primeira man un deporte que vai reunir na cidade do 26 ao 28 de abril a oito dos mellores equipos de Europa.

A fase previa, que reuniu a todos os colexios participantes habitualmente na liga Linco máis oito equipos convidados (Salesianos, Seis do Nadal masculino e feminino, Miralba, Cluny, Compañía de María, Porriño Baloncesto Base e Novobasket), disputouse o venres 5 e o venres 12 de abril e agora Seis do Nadal masculino, Novobasket, Seis do Nadal feminino e un combinado da liga Linco disputarán as semifinais o venres 26 de abril ás 17.00 horas e a gran final xogarase o propio domingo 28 de abril entre o encontro polo terceiro e cuarto posto e a final da Euroliga 3.

Ademais, o Iberconsa Amfiv aproveita a visibilidade que outorga a disputa da Euroliga 3 para colaborar con ADOS, Adrovi e a Irmandade de Doantes de Vigo, animando á doazón de sangue e órganos, que algúns dos propios xogadores ou membros do Amfiv necesitaron algunha vez ao longo da súa vida. Así, o club colaborará nun evento que se desenvolverá o luns 22 de abril na rúa do Príncipe e colocará mesas informativas en Navia e Bouzas durante a Euroliga e todos os voluntarios que colaboran no evento promocionarán na súa roupa a doazón de sangue e órganos.
Descargar todas as imaxes