Escoitar

O rexedor convida á cidade a sumarse ás actividades medioambientais do Concello

O programa municipal de medioambiente proxecta diversas actividades desde este mes de marzo e ata o mes de xuño. Mañá celébrase unha conferencia en Vigozoo sobre minería espacial e o Camiño a Camiño 2019 bota a andar en abril.

mércores, 20 mar 2019
Abel Caballero convidou hoxe á cidade a sumarse ao programa medioambiental do Concello dando conta dalgunhas das actividades previstas ata o mes de xuño para que "todo o mundo se apunte".

Así, detallou que mañá xoves, ás 19:00 horas da tarde, Vigozoo acolle a conferencia de René Duffard, astrofísico e investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía, baixo o título "Minería espacial en asteroides, oportunidades para o planeta Terra". A entrada é gratuíta ata completar o aforo.

O alcalde informou tamén de que o Concello comeza no mes de abril as actividades de sensibilización e educación ambiental "Percorridos medioambientais", dentro do programa Camiño a Camiño 2019 que inclúe oito rutas en espazos singulares. Este ano, amais dos sendeiros locais, haberá saídas de fin de semana a contornas mineiras. Así, Caballero destacou a viaxe "O ouro e o volframio na serra do Xurés", a fin de semana na serra dos Ancares ou as rutas nocturnas a montes de Vigo como Coruxo e Candeán. O programa proxecta tamén saídas á ribeira do Douro, a actividade "o ouro no Baixo Miño" e "O volframio en Fontao" (Vila de Cruces).

A información completa do programa está na web do Concello de Vigo.