Escoitar

Vigo xa ten data e hora para o acendido das luces de Nadal: o sábado ás 19:30 horas

Anunciouno o alcalde de Vigo, quen explicou que as previsións meteorolóxicas son boas "nestes momentos" e esperará ata o mércores para confirmar definitivamente que non choverá a tarde do sábado. Caballero tamén avanzou que este martes anunciará o plan de tráfico preparado para ese día.

luns, 19 nov 2018
Abel Caballero anunciou que o vindeiro sábado, ás 19:30 horas, levarase a cabo o tan esperado acendido das luces de Nadal na cidade. O alcalde de Vigo sinalou este luns, durante a rolda de prensa ante os medios de comunicación, que as previsións meteorolóxicas son boas polo momento.

"O prognóstico onte era malo, hoxe xa é mellor e recordo que o ano pasado atrasamos o acendido un día por mal tempo. Nestes momentos todas as previsións que coñezo para o sábado á tarde son boas, pero aínda quedan seis días e pode haber variación, o mércores estaremos seguros e será o momento de dicilo, agora mesmo cremos que será o sábado pola tarde ás 19:30 horas", sinalou o rexedor.

Ademais, Caballero tamén explicou que o Concello xa ten preparado un plan especial de tráfico para o vindeiro sábado. "Mañá contarei o plan de tráfico enteiro, vou a facer un cálculo previo da xente que cabe para que calculen cantas persoas poden vir", engadiu.

O alcalde tamén indicou que a cidade recibirá a miles de persoas e que hai excursións programadas desde moitos lugares. "Temos plan de tráfico, estamos facendo plan de accesos desde autoestrada, queremos trazar todo ben para que todo o mundo poida estar cómodo e desfrutar", dixo.