Escoitar

O alcalde asegura que a "gran estación do AVE marca un fito en Vigo"<br />

Durante o acto simbólico de inicio das obras Abel Caballero amosou a súa satisfacción despois de "dez anos de perseveranza sabendo que o iamos conseguir" e eloxiou a "xenialidade" do deseño arquitectónico de Thom Mayne.

venres, 16 nov 2018
1542376741161118AVE.jpg
A estación de tren Urzáiz acolleu este venres o acto simbólico de inicio das obras da nova estación do AVE que se prevé que estean rematadas en dous anos. O rexedor cualificou o proxecto como "a grande ambición da cidade" e asegurou que "marca un fito en Vigo porque estamos refacendo unha das zonas mal entendidas e mal tratadas na nosa historia", engadindo que vai xerar un espazo urbano, de negocio e ferroviario.

Caballero amosouse satisfeito pola posta en marcha do proxecto "despois de 10 anos de perseveranza sabendo que o iamos conseguir" e puxo en valor o deseño arquitectónico como "unha xenialidade", apuntando que se trata dun barco que atraca en Vía Norte, desde onde se pode ver o mar e as Illas Cíes, e augurou que se transformará nunha "grande xoia da arquitectura".

Sobre o proceso de lanzamento do proxecto, o alcalde vigués lembrou que desde o Concello se cambiou o deseño, que nun primeiro momento entraba en gabia, para que entre en túnel sendo máis respectuosa coa cidade "algo que sempre lle agradecerá Vigo ao ex ministro José Blanco". Amais, apuntou que a estación estará conectada coas cintas transportadoras que permitirán ir á parte alta da cidade e co novo ascensor que se proxecta para a parte baixa co fin de "seguir compactando Vigo nesta modernidade na que traballamos".

O alcalde agradeceu a colaboración das administracións que fixeron posible que a nova estación do AVE sexa unha realidade, citando á presidenta de ADIF, presente no acto, así como ao anterior presidente da entidade, Juan Bravo.
Descargar todas as imaxes