Escoitar

A Corporación insta á Xunta a recoñecer os estudos de Arte Dramático como grao universitario

A moción, presentada polo grupo do goberno de Vigo e aprobada por unanimidade, require da Xunta o inicio dos trámites para recoñecer os estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con sede en Navia, "como grao universitario". O Concello demanda ademais "a incorporación inmediata de docentes" ao centro.

mércores, 26 set 2018
Os tres partidos políticos con representación municipal votaron a favor da moción presentada polo grupo de goberno, e defendida pola concelleira de Educación, Olga Alonso.

Segundo reza o texto aprobado, a Corporación demanda da Xunta de Galicia que atenda "as reivindicacións do alumnado e profesorado" da ESAD, que veñen de protagonizar unha folga para demandar a equiparación dos seus estudos aos universitarios e tamén a reincorporación de docentes.

A Escola Superior de Arte Dramática é un dos centros "con máis prestixio a nivel nacional", anota a moción, e "sofre recortes tanto materiais como de persoal xerando unha diminución na calidade de ensinanza". O alumnado e profesorado en folga reclama "o incremento do número de docentes e a equiparación dos seus estudos aos universitarios" e non aos de secundaria.

Ademais de carecer do título de grao universitario, a equiparación cos estudos de secundaria provoca que "o alumnado non pode acceder a becas imposibilitando moitas veces continuar coa formación".