Escoitar

O Concello cubre a demanda e concede 5.000 axudas de libros e comedor escolar por 1,8 millóns

Carlos Font explicou que o goberno vigués está a punto de resolver a concesión de bolsas de libros e comedor escolar, concedendo preto de 5.000 axudas por importe de 1,8 millóns. Para este curso, e pese a ser competencia da Xunta de Galicia, subliñou o concelleiro, o Concello da resposta a todas as solicitudes presentadas.

martes, 25 set 2018
1537877557font.JPG
"Co inicio do curso escolar ponse de manifesto a política social deste Concello", asegurou este martes en rolda de prensa Carlos Font, quen avanzou que o goberno de Vigo presidido por Abel Caballero está a punto de conceder 5.000 bolsas de libros e comedor escolar por un importe de 1,8 millóns de euros.

O concelleiro puxo en valor que o Concello cubre así a demanda existente e dá resposta a todas as solicitudes. Font aclarou que a responsabilidade da concesión destas axudas aos libros e o comedor escolar é da Xunta de Galicia, "desaparecida" en Vigo. O edil engadiu que o Concello adica este ano 7,3 millóns de euros de apoio á alimentación e aos comedores.

No conxunto da política social, Vigo conta co "orgullo" de ter a "mellor política social de España", valorou Font. O responsable municipal detallou algunhas das partidas e puxo énfase no centro de inclusión e emerxencia social, aberto polo Goberno de Vigo en plena crise económica e novamente competencia da Xunta de Galicia. O Concello adica ao efecto 800.000 euros.

Ademais, a cidade de Vigo destina 238.000 euros a comedores sociais, 70.000 euros ao programa Xantar na Casa, o Servizo de Axuda no Fogar ten un orzamento de 4,5 millóns de euros, 2,5 millóns para o cheque social de alimentación, vivenda e enerxía, os 1,5 millóns para CEDRO ou os 71.000 euros para a teleasistencia.

"Hoxe máis que nunca, cando máis o precisan os padres neste inicio de curso escolar", concluíu o concelleiro, "o que tería que cubrir a Xunta de Galicia quen o cubre é este Concello, ano tras ano".
Descargar todas as imaxes