Escoitar

A Run Run Vigo entrega os seus premios e xa prepara a nova edición do circuíto municipal de carreiras

O alcalde anunciou este venres que o vindeiro luns celebrarase a gala de entrega de premios e avanzou que neste 2018 a primeira proba será a XIX Media Maratón Vig-Bay.

venres, 2 feb 2018
O Auditorio Municipal do Concello de Vigo acollerá o vindeiro luns (20:00 horas) a gala de entrega de premios do circuíto municipal de carreiras Run Run Vigo e a presentación da edición de este 2018. Segundo avanzou o alcalde en rolda de prensa, a XIX Media Maratón Vig-Bay será a primeira proba da nova tempada. 

No circuíto 2017 foron 9 as carreiras, mentres que en 2018 serán 8, ao pasar a Subida ao Castro a xaneiro de 2019. O Concello e os organizadores seguen a apostar polas probas populares en ruta e todas repiten no Run Run 2018.

Na gala, presidida polo alcalde da cidade, Abel Caballero, que non falta á cita co atletismo popular, entregaranse unha trintena de premios entre os dos atletas que acadaron posto de podio neste campionato (23) e outros especiais e de homenaxe, no que se inclúen atletas olímpicos, grandes traxectorias e os campións e campioas de clubs vigueses das Series Municipais en pista.

Na gala tamén presentarase a Run Run Vigo 2018, con oito carreiras: Vig-Bay, Happy Go Running, Carreira da Cereixa, Correndo por Vigo, Carreira de San Xoán, Xornadas Marisqueiras, Vigo+11 e Vigo contra o Cancro.