Escoitar

Manel Fernández aplaude os tres lustros da Liga Linco de baloncesto, que arrinca este venres en Navia

Manel Fernández, concelleiro de Deportes, felicitou hoxe mércores ao Club Baloncesto Seis do Nadal polos tres lustros de vida da Linco (Liga Interna de Colexios), nacida en 2003 e que este venres inicia a súa decimosexta edición para nenas e nenos benxamíns e alevíns (de 6 a 12 anos).

mércores, 24 xan 2018
1516812349linco.JPG
Acompañado pola presidenta da entidade, Conchi Martins, o director deportivo, Sergio González, e os directivos Ramón Román e Miguel Ángel Pena, o edil anunciou que a competición, enmarcada no programa municipal de escolas deportivas, contará este ano cuns 200 participantes das escolas de Navia, ETEA e do Berbés (que dirixe o Baloncesto Seis do Nadal), dos CEP Celso Emilio Ferreiro e Doutor Fleming, e dos CEIP Seis do Nadal, Illas Cíes, Javier Sensat e Pintor Laxeiro. En total, tres escolas e seis colexios implicados nesta liga.

"O programa municipal conta con varias ligas como complemento da formación deportiva semanal e esta é unha das máis importantes", subliñou o edil, que tamén avanzou que a inauguración terá lugar este venres (16:30 horas) no pavillón de Navia. Serán, ata finais de maio, quince xornadas, sempre en venres polo serán, salvo a Liga Linco XL (iniciada en 2010), para infantís e cadetes (13 a 16 anos), que se xogará no colexio Celso Emilio Ferreiro os domingos pola mañá por mor das obras na grada de Río de Balaídos.

Desta liga de promoción do baloncesto o Seis do Nadal leva anos nutrindo aos aos seus equipos júniors e séniors. O mellor exemplo do que é esta liga é a viguesa María Pérez Araújo, xogadora internacional absoluta con España e agora no Uni Ferrol da Liga Feminina. Empezou na Linco co Fleming, pasou ao Seis do Nadal, logo ao Celta e agora é internacional absoluta.

Aínda que o Concello é o patrocinador principal, o Seis do Nadal conta con pequenos patrocinios privados de Larsa, Biscuits Galicia e Decathlon (para as merendas posteriores dos participantes) e de Dispaint, que cede a cinta para a marcaxe das pistas de minibasket.
Descargar todas as imaxes