Escoitar

O goberno local ultima a primeira das tres novas pistas de skate que fará na cidade

Caballero visitou hoxe luns os traballos de construción da pista de skateboard de Barreiro, en Lavadores, onde inviste 45.000 euros. Ademais, o alcalde estimou que se licitará esta semana a gran pista no parque de Navia, cun orzamento de 300.000 euros. A terceira será a remodelación da existente no Castro, pendente da autorización da Xunta.

luns, 13 nov 2017
1510580211skate.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, achegouse este luns a Barreiro, en Lavadores, onde o goberno que preside ultima a nova pista de skateboard, BMX e Roller Vert Wall, por importe de 45.000 euros. O rexedor avanzou que a obra concluirá "de forma inmediata" pois está "practicamente acabada" e supón "a primeira das tres grandes actuacións que imos facer no ámbito do skate".

Xunto á de Barreiro, Abel Caballero estimou que "seguramente" esta mesma semana pasará pola Xunta de Goberno Local a licitación da construción da gran pista de skate de Navia, xunto ao parque, para o cal o Concello de Vigo reserva 300.000 euros.

A terceira será a remodelación da pista de skate do Castro. O goberno vigués fará unha nova pista onde se empraza a actual, unha actuación para a que é preciso o informe favorable de Patrimonio da Xunta de Galicia, ao tratarse o monte do Castro dun Ben de Interese Cultural. O Concello, explicou Caballero, xa achegou toda a documentación requirida ao goberno autonómico.

"Boas novas para o mundo do skate, do BMX e do Roller Vert Wall", concluíu o alcalde, quen recordou que o skate será deporte olímpico.
Descargar todas as imaxes