Escoitar

Concello e Fomento investiron case 1.800.000 euros nas Áreas de Rehabilitación de Vigo

Dentro do Plan Estatal do Ministerio de Fomento 2013-2016 nos catro ARI vigueses: o Casco Vello, Bouzas, o grupo de casas Santa Clara e a zona Bueu-Moaña de Coia. Amais, o alcalde deu conta da humanización de Marqués de Valterra.

luns, 7 ago 2017
O alcalde puxo en valor este luns a "rehabilitación integral" que está experimentando a cidade grazas ao investimento conxunto do Goberno de España e o Goberno de Vigo, con achegas de 1.050.000 euros e 786.000 euros respectivamente.

As axudas do Plan Estatal 2013-2016 están destinadas ás catro Áreas de Rehabilitación Integral da cidade: o conxunto histórico do Casco Vello, Bouzas, a área de Bueu-Moaña do Polígono de Coia e o grupo de casas de Santa Clara onde se realizaron un "número singular de actuacións". Ademais, sinalou que o Concello vén de solicitarlle ao Ministerio unha prórroga para realizar as 51 accións pendentes de executar dentro deste plan así como novos convenios para outras accións.

Engadiu tamén que a Xunta non fixo achegas dentro deste plan trianual, senón que se limitou a "traspasar a Vigo" os fondos procedentes do Ministerio.

Humanización de Marqués de Valterra
Abel Caballero informou do "plan especial de humanización" da contorna da rúa Marqués de Valterra onde o Concello está desenvolvendo varias actuacións. A remodelación da propia rúa, que está xa na segunda fase, pendente do resultado das catas arqueolóxicas para iniciar as obras, e a instalación dos dous ascensores no Parque Camilo José Cela e na zona do Auditorio ata Marqués de Valterra.

Amais, referiuse ás actuacións no entorno do CEIP Ramón y Cajal para acometer unha nova forma de acceso ao centro, coordinada coa comunidade educativa e cos pais e nais do alumnado, xa que nestes momentos entran pola parte de abaixo que "non é a mellor forma" de facelo, unha decisión tomada por corporacións anteriores.