Escoitar

O Concello aproba a humanización da rúa Canceleiro por 220.000 euros

Abel Caballero apunta que o "importante" proxecto supón continuar coa humanización do conxunto logo de rematar Rosalía de Castro. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á solicitude de prórroga dos ARI de catro zonas da cidade e aprobou as subvencións de 35.000 euros para o fomento do emprego.

xoves, 13 xul 2017
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a proposta e o expediente de contratación das obras de humanización da rúa Canceleiro, entre Rosalía de Castro e García Barbón, que teñen un importe máximo de 220.000 euros. Para o alcalde, supoñen continuar co proxecto iniciado na zona que seguirá "inmediatamente con Serafín Avendaño e despois con Heraclio Botana". As obras incluirán a renovación do pavimento, as redes de abastecemento, a execución da rede de pluviais ou a renovación do alumeado.

Tamén quedou autorizada a convocatoria e as bases reguladoras de subvencións para o fomento do emprego e a consolidación empresarial a través do traballo colaborativo para o ano 2017, que cun importe de 35.000 euros están pensadas para fomentar o emprendemento a través do traballo colaborativo en espazos de coworking.

Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto bo a tres convenios: o primeiro, coa "Asociación Gallega de Amigos del Rocío de Vigo" cun importe de 5.000 euros, o segundo, coa Unión Comarcal da CIG de 15.000 euros para apoiar o "importante papel dos sindicatos na súa defensa dos traballadores" e o terceiro coa Fundación IgualArte para apoiar a súa acción con 10.000 euros.

Adiamento do Plan de Rehabilitación
Na sesión deste xoves, a Xunta de Goberno Local acordou solicitar ao Ministerio a participación na prórroga do Programa de Rexeneración Urbana do Plan Estatal de Fomento 2013-2016 de alugueiro de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbana de catro ARIS da cidade: o Casco Vello, Bouzas, Coia e Santa Clara, do que quedan 51 actuacións pendentes de executar por un importe de case 400.000 euros.

O rexedor sinalou que "queremos seguir a rehabilitación destas catro zonas con estas actuacións tan importantes que combinan interese social e rehabilitación dos cascos históricos do centro e de Bouzas". Así, explicou que na ARI do conxunto histórico do Casco Vello, das 90 actuacións previstas, quedan 29 pendentes, na ARI de Bouzas quedan 9 pendentes das 30 programadas, na ARI do grupo de casas de Santa Clara quedan 13 obras por acometer das 19 previstas e, por último, na ARI de Bueu-Moaña do Polígono de Coia están rematadas as 53 obras planificadas.