Escoitar

O Concello subvenciona con 50.000 euros a contratación de 5 persoas en Centro Príncipe

A Asociación de Comerciantes da Zona Centro de Príncipe poderá empregar cinco profesionais que fomentarán o comercio e mellorarán a súa integración laboral. Tamén se aprobou a adxudicación provisional de nove quioscos nas praias do Concello e un convenio de 16.000 euros cos Mariñeiros Artesanais de Bouzas.

xoves, 8 xuñ 2017
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves ao convenio de colaboración do Concello coa Asociación de Comerciantes da rúa Príncipe de Vigo, en virtude do cal a entidade percibirá 50.000 euros co fin de contratar 5 profesionais: un auxiliar administrativo, un administrativo, un auxiliar de deseño gráfico, un ordenanza e un coordinador.

En virtude do acordo, enmarcado no programa de emprego municipal que quere promover a integración laboral da cidadanía viguesa, a asociación contará con cinco persoas que contribuirán a potenciar o comercio da zona Centro Príncipe de Vigo.

Quedou aprobado tamén o convenio de colaboración coa Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas para a difusión da cultura mariñeira e das embarcacións municipais por un importe de 16.000 euros.

Quioscos das praias
Amais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves á clasificación de ofertas para a adxudicación da autorización municipal para a ocupación, instalación e explotación por particulares de nove quioscos nas praias municipais: un en Santa Baia (Alcabre), dous no Tombo do Gato, un en Argazada, tres en Samil, un no Vao e un na Etea. Quedaron desertos un no Vao e outro na praia da Punta, que volverán saír a concurso, tal e como explicou o rexedor, cos mecanismos legais previstos nestes casos para estar operativos na temporada de verán.