Escoitar

O Pleno pide á Xunta que baixe á metade o prezo das garderías, equiparándoo ás municipais

A moción socialista aprobada hoxe recolle a suba dun 3,2% no prezos das escolas infantís do goberno autonómico, fronte aos 124 euros mensuais máximos que pagan as familias nos centros municipais. <br />

mércores, 31 mai 2017
Co apoio de Marea de Vigo e a abstención do PP, a Corporación Municipal aprobou a moción, defendida pola concelleira Olga Alonso, na que se insta á Xunta de Galicia a reducir á metade o prezo das escolas infantís da rede autonómica para que se sitúen ao nivel das municipais.

Segundo expuxo a edil de Educación, a Xunta de Galicia incrementará os prezos un 3,2% o próximo curso, de maneira que os usuarios poderán chegar a pagar ata 243 euros fronte aos 124 mensuais máximos que se deben aboar nos centros educativos municipais. Ademais, sostivo que, malia a aposta do goberno de Abel Caballero polo aumento da oferta de escolas infantís na cidade, coa apertura nos últimos cinco anos das escolas de Tomás Alonso, Navia, Bouzas e Mestres Goldar, chegando a un total de oito centros municipais, as prazas aínda resultan insuficientes e "o prezo condiciona ás familias".

Margarida López, de Marea de Vigo, apostou pola educación gratuíta desde os cero anos das crianzas "pagándoa con impostos", mentres Teresa Egerique, edil popular, defendeu as 1.588 prazas públicas autonómicas da Xunta de Galicia na cidade.