Escoitar

O alcalde pide á Xunta que notifique as súas discrepancias no transporte metropolitano

Abel Caballero vén de remitir unha carta ao presidente Núñez Feijóo pedíndolle á Xunta que explique oficialmente, nun prazo máximo de cinco días, qué diverxencia de interpretación ten co Concello sobre o convenio do transporte metropolitano.

xoves, 23 feb 2017
Segundo explicou o alcalde, o convenio indica que o Concello subvenciona con 46 céntimos as viaxes no autobús urbano dos cidadáns que cheguen nunha viaxe interurbana, con dereito ademais a un transbordo gratuito, e sufraga o mesmo para a saída da cidade.

Coa carta, o goberno de Vigo require da Xunta que explicite de forma oficial, "nun prazo máximo de cinco días e en defensa do interese xeral", cal é a diferencia de interpretación que fai do convenio o goberno autonómico. "Non sabemos cal é a discrepancia da Xunta, se é que ten algunha, non sabemos cal é a lectura", valorou Caballero, quen recordou que a administración presidida por Núñez Feijóo presentou un recurso contencioso nos xulgados contra a constitución da Área Metropolitana de Vigo en base ao convenio do transporte metropolitano.

"O convenio di que a súa firma supón a integración de Vigo no Plan de Transporte", expuxo o rexedor vigués, tras o que recordou que a Xunta non acudiu a ningunha das fórmulas previstas legalmente no acordo para dirimir eventuais diferencias de interpretación. "Moita discrepancia non debe haber", anotou.

Abel Caballero manifestou que, desde a sinatura do convenio do transporte metropolitano, o Concello está a disposición da Xunta e de ABANCA para a homologación das máquinas canceladoras nos autobuses.

O alcalde preguntóuse por que a Xunta de Galicia non leva ao Contencioso as diferencias de interpretación sobre o convenio do transporte metropolitano -tal e como estipula o propio texto- e si a constitución da Área Metropolitana de Vigo: "no pretenden resolver o problema do transporte metropolitano, o que pretenden é rebentar e paralizar a Área Metropolitana de Vigo", concluíu.