Escoitar

O goberno de Vigo formou en defensa persoal a case 200 mulleres vítimas de violencia de xénero

O alcalde entregou este luns os diplomas da última edición destes cursos de defensa persoal que imparte a EVAP, unidade específica da Policía Local, co fin de que adquiran "adestramento e autoestima".

luns, 12 dec 2016
Unha vintena de mulleres recibiu este luns de mans do rexedor o diploma que acredita a súa formación en defensa persoal por ter participado nos cursos orientados ás vítimas de violencia de xénero que imparte o Concello a través da EVAP, Equipo de Vixilancia e Apoio ás Vítimas, da Policía Local.

Segundo explicou Abel Caballero os cursos desenvólvense cada ano, mesmo con dúas edicións anuais, para que as mulleres que sofren a violencia machista adquiran "adestramento e melloren a súa autoestima". Ao longo do programa xa recibiron a aprendizaxe preto de 200 mulleres viguesas.

A EVAP conta cunha unidade específica para a protección das mulleres vítimas da violencia machista que o ano pasado controlou 274 ordes de afastamento. Cada muller ten un axente asignado que está dispoñible as 24 horas do día para o que poida precisar.