Escoitar

A Corporación aproba o orzamento máis "social e de fomento do emprego da historia"

Abel Caballero deu conta esta mañá da aprobación no Pleno das contas municipais para 2017, "as de maior contido social e de emprego da historia". Segundo avanzou, estes orzamentos permitirán que Vigo sega a avanzar de xeito "seguro e consistente cara ao cambio que está experimentando a cidade". <br />

luns, 21 nov 2016
1479734640pleno.jpg
O alcalde cualificou as contas aprobadas esta mañá como as máis "importantes no cuantitativo, as de maior contido social e de emprego da historia". Logo de rematar o Pleno extraordinario no que se deu luz verde inicialmente ao orzamento para 2017, Caballero explicou que esta aprobación permitirá que Vigo sega a avanzar de xeito "seguro e consistente cara ao cambio que está experimentando a cidade". Ademais, engadiu, que estas contas non van recibir obxección de ningunha outra administración.

Unhas horas antes e durante o debate plenario, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu unhas contas "cen por cen de Vigo e para Vigo porque se realizan desde a autonomía fiscal e con solvencia -débeda cero-, o que nos permite destiñar o cen por cen dos recursos a atender as necesidades da cidadanía".

O importe total do orzamento consolidadado para 2017 ascende a 233.094.593 euros -7 millóns máis que no 2016-, todo financiado con recursos propios do Concello e cun importe de 7.317.661,50 euros de beneficios fiscais, engadiu.

Os maiores incrementos se atopan en actuacións de protección e promoción social (cun 8,51%), que se lle unimos os gastos en Educación, supoñen un 12% do orzamento para 2017, con máis de 27 millóns de euros. O programa de investimentos ascende a 16 millóns, o que, na súa opinión, nos permite destacar o marcado carácter social e inversor dunhas contas concebidas para mellorar a vida dos vigueses.

Emendas
As contas foron aprobadas cos votos do grupo do Goberno quen, así mesmo, rexeitó as emendas presentadas polos partidos da oposición. PP e Marea criticaron, entre outros aspectos, que houbera partidas deste ano sen executar ou que os orzamentos non foran participativos.

Tras a aprobación inicial do documento orzamentario, abrirase o periodo de alegacións por parte dos cidadáns que poderán achegar as súas suxerencias ata o próximo 16 de decembro. Tras a resolución, o documento volverá a Pleno, antes de que remate o ano, para a súa aprobación definitiva.

Descargar todas as imaxes