Escoitar

O Concello apoia a 159 entidades deportivas con 550.000 euros, un 28% máis que no 2015

Abel Caballero avanzou que este incremento na axuda ao deporte de base se repetirá nas contas do próximo ano, co obxectivo final de duplicar o apoio económico. O goberno de Vigo adica este ano 1,4 millóns ao deporte de base e outros 600.000 euros aos clubs de elite.

venres, 2 set 2016
O alcalde informou dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local deste venres, entre os que salientou a resolución da convocatoria de subvencións a entidades deportivas da cidade para o desenvolvemento dos seus proxectos.

O goberno de Vigo concede 550.000 euros a 159 entidades beneficiarias, segundo revelou hoxe Caballero, quen subliñou o incremento na partida económica con respecto ao ano pasado. No 2015, esta convocatoria contaba con 430.000 euros, co que os recursos deste ano ao efecto aumentaron nun 28%. O alcalde adiantou que o próximo ano haberá un novo incremento, dos mesmos niveis, na dotación orzamentaria deste programa, xa que o obxectivo municipal pasa por duplicar a achega ao deporte vigués.

Abel Caballero recordou que este ano o goberno que preside adica ao deporte de base un total de 1,4 millóns de euros, xunto a 600.000 euros máis destinados aos clubs deportivos vigueses de elite.

Outros acordos
O goberno de Vigo aprobou na sesión desta mañá a concesión de subvencións de Igualdade a entidades sen ánimo de lucro, respaldando con 76.000 euros o traballo de 49 organizacións nos seus programas e actividades de apoio á igualdade.

Por outra banda, o Concello validou a subvención mediante convenio de 40.000 euros á Asociación Amigos da Ópera para levar adiante o "Outono Lírico 2016". A achega municipal é a maioritaria dos entes públicos e fará posible un programa de conferencias, proxeccións e representacións de obras como "Pescadores de Perlas" e "Nabucco" durante os meses de outubro e novembro no Teatro Afundación.