Escoitar

O Concello activa un servizo especial de limpeza con motivo da procesión do Cristo da Vitoria

Os labores céntranse especialmente nas rúas que conforman o núcleo do casco histórico de Vigo e aquelas polas que discorre a comitiva procesional. Dende o pasado 15 de xullo refórzase o equipo material e humano destinado ao acondicionamento da cidade para este evento multitudinario.

xoves, 4 ago 2016
O goberno municipal dispuxo a posta en marcha o pasado 15 de xullo dun dispositivo especial para atender as necesidades xeradas pola celebración da procesión do Cristo da Vitoria co obxectivo de acondicionar as rúas polas que discorre un dos eventos máis importantes e multitudinarios de Vigo durante o período estival.

O servizo incluirá o traballo de 120 xornadas de condutor e 98 de peón en horario de mañá, tarde e noite e os medios materiais postos en marcha son 20 xornadas de fregadora mecánica, 35 xornadas de máquina decapadora, 35 xornadas de máquina de limpeza de pintadas, 65 xornadas de baldeadora de alta presión e 30 xornadas de motocarro. Ademais, estanse a aplicar produtos de limpeza específicos tales como líquidos desengraxantes na resina das árbores de Montero Ríos e líquidos desodorizantes ao longo do percorrido que realiza a procesión.

A limpeza céntrase nas seguintes rúas: núcleo do Casco Histórico de Vigo (Pza. da Igrexa, Real, Gamboa, Triunfo, Palma, Oliva, Teófilo Llorente, Joaquín Yáñez, Fermín Penzol, Pza. da Ribeira do Berbés), Cánovas del Castillo, Carral, García Olloqui, Montero Ríos, Concepción Arenal, Colón, Policarpo Sanz, Porta do Sol. Así mesmo, durante o día da procesión este domingo día 7 de agosto, haberá especificamente un equipo de limpeza antes e despois do paso da xente.