Escoitar

O alcalde avanza que Tribuna Baixa abrirá o 22 de agosto para o primeiro partido do Celta en Balaídos

Segundo informou o rexedor, esta é a previsión de uso do Estadio Municipal que estima o Concello conforme á evolución das obras que se están realizando no mesmo. A grada de Tribuna quedará habilitada na súa totalidade para o segundo encontro do Celta en Balaídos, o 11 de setembro, fronte ao Atlético de Madrid.

luns, 1 ago 2016
Abel Caballero referiuse este luns á previsión de uso do Estadio Municipal de Balaídos de cara ao inicio da Liga de Fútbol. Segundo informou a grada de Tribuna Baixa, antes chamada Preferencia, estará aberta para os socios do club o luns 22 de agosto, para o primeiro partido fronte ao Leganés.

No seguinte partido que o Celta xoga en Balaídos, o 11 de setembro, cando recibe ao Atlético de Madrid, estará habilitado o resto da nova grada de Tribuna, de maneira que queda "aberta a totalidade do aforo dispoñible do Estadio, aínda que a cuberta non estará completa" segundo apuntou o rexedor, malia que si estará xa instalada a "estrutura xigantesca da mesma por enriba da grada" para esa data. A partir de entón, iniciaranse os traballos de colocación da cuberta e continuará a obra interior "ata os 5,2 millóns de euros" de investimento coa previsión de que estea "rematada en decembro".