Escoitar

O rexedor amosa o "gran orgullo" da cidade por contar con doce distincións azuis

Abel Caballero participou este xoves no izado simbólico das bandeiras azuis da cidade, nove distincións a praias (Argazada, A Punta, Tombo do Gato, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras) e tres sendeiros azuis (a dos Faros en Cíes, a litoral do Monte da Guía de Teis e o camiño do Lagares).<br />

xoves, 23 xuñ 2016
1466683071bandeiras.JPG
Vigo conta este ano con doce distincións azuis: nove bandeiras azuis noutras tantas praias e tres sendeiros azuis. Os areais con bandeira azul en 2016 son os de Argazada, A Punta, Tombo do Gato, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras.

Este ano, explicou o alcalde, a cidade recibiu dous novos galardóns: á senda entre faros das Illas Cíes, que parte de Rodas e chega ata os faros, e a senda litoral e do Monte da Guía, en Teis, que transcorre polo nomeado monte, a praia da Punta e a ETEA. Estes dous súmanse á renovación recibida un ano máis para a senda do Lagares, o chamado "Camiño a Beiramar".

O rexedor vigués valorou o "gran orgullo" de ser unha cidade de 300.000 habitantes e sumar doce distincións azuis, e recordou que a entidade que as concede indica que a crise está facendo que os municipios baixen a asignación orzamentaria a praias, mentres que "nós a aumentamos".

Desde o pasado 15 de xuño, e ata o 15 de setembro, está funcionando o servizo de salvamento e socorrismo en dez praias, as nove con bandeira azul e a de Samil. O goberno de Vigo adica case 500.000 euros na prestación da vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria en primeiros auxilios, e dispón a máis de oitenta profesionais na atención ás praias, entre os 65 socorristas e os 16 axentes da unidade Costa e Praia da Policía Local.
Descargar todas as imaxes