Escoitar

O goberno local testa no CEIP Escultor Acuña rutas seguras para o alumnado

O alcalde anunciou este martes esta nova proposta en materia de seguridade viaria nos colexios, segundo a cal o goberno de Vigo establece rutas seguras para que os nenos e nenas de Primaria accedan ao centro educativo de forma autónoma. Os itinerarios, xa iniciados no CEIP Escultor Acuña de forma experimental, están marcados con pegadas de dinosauro.

martes, 21 xuñ 2016
Despois de implantar o plan de tráfico nos accesos aos centros educativos, o Concello de Vigo promove agora rutas seguras para que o alumnado de Primaria acuda ao colexio, xa en probas no CEIP Escultor Acuña con vistas a comezar a xeneralizalo desde setembro, co próximo curso.

Así o anunciou este martes o alcalde de Vigo, quen explicou que se fixa unha rede de itinerarios nas proximidades dos colexios, marcados con pegadas de dinosauro, que permita aos nenos e nenas desprazarse camiñando de forma segura nos seus traxectos diarios. Haberá tamén puntos de encontros para que os nenos salgan xuntos e comercios colaboradores que apoiarán aos escolares, xunto ao respaldo de seguridade viaria en zonas que poidan entrañar riscos.

Abel Caballero enumerou as vantaxes destas rutas: unha mobilidade saudable e segura, redución de tráfico á porta dos colexios e fomenta a autonomía e a responsabilidade infantil.

"Estamos levando adiante un plan completamente diferente de entrada e saída en todos os colexios de Vigo", expuxo o rexedor vigués, quen recordou que "non hai nada tan importante como as nenas e os nenos", a súa seguridade.