Escoitar

O Concello apoia con 146.000 euros a música das bandas populares e con 50.000 o deporte de elite

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén ao convenio de colaboración coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo que destina 25.000 euros para 108 actuacións do programa "Vigo, un mar de corais". O convenio coa Federación de Bandas Populares apoia o ciclo de concertos das nove formacións viguesas en toda a cidade. Ademais, está aberto o prazo de solicitude do boni-taxi para as persoas discapacitadas.

luns, 20 xuñ 2016
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o convenio de colaboración coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo para o programa "Vigo, un mar de corais" do ano 2016 que subvenciona, cun importe de 25.000 euros, 108 actuaciones a cargo das corais polifónicas viguesas e que, para o rexedor, é unha cita "de arraigo na cidade".

Tamén recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local o convenio de colaboración coa Federación de Bandas Populares de Vigo cun importe de 146.250 euros destinados ao programa "Vigo, un mar de bandas" que ofrece ciclos de concertos e actuacións en distintos barrios da cidade ao longo do ano e que serve para fomentar a formación nas aulas das escolas de música. As bandas que participan no ciclo son Unión musical de Valladares, a Escola de Música de Beade, a Agrupación musical Atlántida de Matamá, a Unión musical de Coruxo, Lira de San Miguel de Oia, a Escola de música da UVCD de Candeán, a Unión musical de Cabral, As Delicias do Caeiro – Cabral e o Ateneo musical de Bembrive. Abel Caballero puxo en valor o traballo musical das nove formacións que supón "unha riqueza cultural excepcional" que "seguiremos potenciando e estendendo".

Ademais, o Concello deu luz verde ás bases e á convocatoria para o Proxecto de subvencións orientadas a potenciar programas de participación de deportistas da cidade de Vigo en competicións oficiais de alto nivel de carácter internacional, cun investimento de 50.000 euros.

Prazo solicitude bono-taxi
O alcalde tamén deu conta este luns da apertura da convocatoria do bono-taxi que poden solicitar as persoas con algunha discapacidade e con problemas de mobilidade para o uso dos transportes públicos colectivos. O Concello destina un importe total de 25.000 euros.