Escoitar

O alcalde convida a toda a cidade a participar na Carreira Solidaria Érguete

A proba solidaria sae o domingo 29 de novembro dende o farol de Príncipe e pode facerse correndo, en cadeira de rodas ou bicicleta adaptada. Co evento, a asociación Érguete continúa conmemorando os seus trinta anos de traxectoria e quere recadar fondos para axudar no seu labor de loita contra a drogodependencia. Abel Caballero salientou na presentación da carreira a "admiración e recoñecemento polo labor realizado" pola Asociación, nun acto no que estivo acompañado por Carmen Avendaño, presidenta de Érguete, e pola atleta paralímpica Susana Rodríguez, madriña da proba.

mércores, 18 nov 2015
1447856321erguete.jpg
Abel Caballero presentou en rolda de prensa a primeira edición da Carreira Solidaria Érguete, un "evento deportivo da maior importancia", segundo apuntou, e un dos actos cos que a entidade está a celebrar os seus trinta anos de traballo a prol das persoas drogodependentes, nunha traxectoria da que o alcalde destacou "o papel xogado, a solidariedade vertida e lanzada a todos os puntos cardinais desde Vigo e desde Galicia".

Durante a presentación, o rexedor, acompañado por Carmen Avendaño, presidenta de Érguete, e Susana Rodríguez, atleta paralímpica e madriña da carreira, animou á cidadanía a acudir o domingo 29 de novembro ao punto de saída, situado no farol de Príncipe, convidando a "toda a cidadanía a participar e estar presente no cartel solidario de Érguete" percorrendo cinco ou dez quilómetros que poden completarse en cadeira de rodas ou bicicletas adaptadas. Ademais, transmitiulle á entidade "a nosa felicitación, toda a nosa admiración e recoñecemento" polo labor realizado e salientou a figura de Susana como "un modelo a seguir por tantas persoas e do mellor dos valores desta cidade", agradecendo tamén a axuda dos patrocinadores do evento como é o caso de Abanca, Gadis ou o Ximnasio Toni.

Carmen Avendaño agradeceu o apoio do Concello á carreira e ao día a día de Érguete e fixo un chamamento para que o espírito co que naceu a asociación siga estando presente na sociedade "queremos que sexa comprometida, fisicamente preparada, solidaria e que recoñeza de forma pacífica a necesidade da igualdade e da solidariedade". Ademais, referiuse ao "magnífico labor social do Concello porque se visualizan as persoas con máis carencias e ese é o principio da solidariedade que debemos compartir todos".

A madriña da carreira, a atleta viguesa Susana Rodríguez, destacou o carácter solidario da proba que "me fai moitísima ilusión" especialmente ao coñecer, dixo, o traballo que Érguete desenvolveu en trinta anos e "animo a todo o mundo a participar correndo ou facendo unha achega á fila cero".

Descargar todas as imaxes