Escoitar

O alcalde nomea a Belén Vallina como nova xerente da Fundación Vigo Convention Bureau

O Padroado da entidade reunido este mércores aceptou por unanimidade a proposta do rexedor para que Belén Vallina asuma a dirección da Vigo Convention Bureau. Ademais a Fundación será a responsable de desenvolver durante o próximo ano a campaña para que as Illas Cíes sexan declaradas Patrimonio Medioambiental da Humanidade, en cooperación coas concellerías de Cultura e Turismo. O rexedor destacou o "currículo espectacular" da nova xerente con formación en ciencia e tecnoloxía, estudos internacionais e ampla experiencia profesional.

mércores, 11 nov 2015
1447250573convention.JPG
Abel Caballero informou hoxe da reunión do Padroado da Fundación Vigo Convention Bureau que nomeou por unanimidade á nova xerente da entidade, trala marcha do anterior responsable Pablo Cameselle como adxunto á Valedora do Pobo de Galicia.

Segundo explicou o rexedor, Belén Vallina González, de 32 anos ten "un currículo espectacular". É Enxeñeira Química pola Universidade de Salamanca, Doutora en Biotecnoloxía polas Nacións Unidas nas universidades de Erlangen-Alemania, Utrecht-Holanda e Bratislava-Eslovaquia. Realizou estudos posdoutorais en Ciencia e Tecnoloxía na Universidade de Vigo e en Estudos Internacionais na Universidade Harper Adams do Reino Unido. No referente á súa traxectoria profesional, foi responsable do Congreso FAO para Conxemar celebrado hai un mes na cidade, dirixiu o Centro de Desenvolvemento Sostible da Unión Europea en Bangladesh, foi Consultora Internacional de planificación do Ministerio de Asuntos Exteriores de España en Angola, Perú e Paraguai, experta das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial en Mozambique, Ecuador, Etiopía, Exipto e Burkina Faso e Xefa rexional de África da Axencia Internacional para a Enerxía Atómica e Nuclear. Fala 6 idiomas: portugués, inglés, francés, alemán, italiano, eslovaco, ademais do galego e o español e está estudando ruso.

O alcalde transmitiulle ao Padroado a súa intención de que a Vigo Convention Bureau asuma, amais das súas responsabilidades, durante o próximo ano o desenvolvemento da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio Medioambiental da Humanidade en colaboración coas concellerías de Cultura e Turismo "porque considero que é o lugar e forma óptima de facelo".
Descargar todas as imaxes